publicidade hoxe

A Policía Local da Coruña colabora coa DXT nunha campaña de control de alcoholemia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O departamento municipal de Mobilidade e Seguridade Cidadá, a través da Policía Local, realiza, entre os días 9 e 15 de decembro, 326 probas de alcoholemia no marco da campaña especial sobre control da taxa de alcoholemia desenvolvida pola Dirección Xeral de Tráfico e pola que se realizaron controis en diversos puntos da cidade.

Esta colaboración entre o Concello e a DXT, enmárcase dentro do compromiso do Goberno local por unha mellor coordinación co resto de administracións e para garantir unha maior seguridade en materia de mobilidade. O alcol é un factor desencadenamento nun terzo dos accidentes mortais, multiplicando por 9 o risco de sufrir un sinistro de circulación. Ademais, supón un risco para a seguridade viaria dos peóns, sobre todo na zona urbana, un motivo máis para que o Concello colabore nesta nova campaña da DXT.

A Policía Local xa colaborou este ano coa Dirección Xeral de Tráfico noutras campañas para o control da taxa de alcoholemia, pero tamén noutras iniciativas relacionadas co uso do cinto de seguridade e de sistemas de retención infantil (SRI); vixilancia e control de camións e furgonetas; transporte escolar; motocicletas; así como vixilancia e control de velocidade co obxectivo de reducir no posible o número de accidentes de circulación.

Respecto da vixilancia e control de alcoholemia, ao longo desta semana de campaña, a policía realizou 326 probas.

SEGURIDADE VIARIA

O incremento das medidas de prevención da Unidade de Tráfico da Policía local no pasado ano 2012 e a maior concienciación cidadá lograron reducir nun 6,5% o número de accidentes de tráfico na cidade respecto ao ano anterior, así como o número de persoas implicadas nos accidentes nun 2,5% e tamén a de vítimas mortais nas vías da cidade -de tres falecidos por atropelo en 2011 a un en 2012-.

Nos dispositivos realizados pola Policía local en 2012 denunciáronse 676 alcoholemias positivas, a maioría en controis preventivos (82%), inspeccionáronse 102.954 vehículos, en 349 controis, co 1,42% de denuncias por exceso de velocidade; e realizáronse 1.834 denuncias por circular sen ITV, carecer de seguro, conducir sen permiso ou circular con deficiencias técnicas nos vehículos. Ademais, realizáronse 42 accións formativas dentro do programa de educación viaria, ás que asistiron 1.378 escolares e emitíronse máis de 4.000 mensaxes nos paneis informativos de tráfico.

22 de decembro de 2013 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.