A oferta infantil para o fin de semana en Vilagarcía inclúe o espectáculo “O Crebanoces” e o musical “O libro máxico”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O público familiar terá mañá sábado dúas opcións culturais e de ocio coas que pasar a xornada, xa que o Auditorio acolle dúas actividades moi especiais. A primeira é o espectáculo de monicreques “O Crebanoces”, que se representará pola mañá, e a segunda o musical “O libro máxico” que cunha sesión de tarde.

“O Crebanoces” é un espectáculo para títeres inspirado no conto de Hoffmann e dirixido a público familiar e que chega a Vilagarcía a través da programación da Rede de Dinamización Lingüística da que o Concello de Vilagarcía forma parte. No espectáculo emprégase a música que creou Tchaikowsky e está deseñado para poder ser interpretada por bandas de música popular. A finalidade desta actividade, ademais de dar a coñecer entre os máis pequenos as obras da literatura e da música clásica, persegue sobre todo promover o uso do galego entre os máis cativos, de aí que a representación sea integramente en galego.

“O Crebanoces” representarase a partir das 12 do mediodía na Sala de Conferencias do Auditorio. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo desta sala.

Xa pola tarde, o Auditorio acollerá a actuación de Teatro Migallas que regresa a Vilagarcía para poñer en escena “O libro máxico”. Trátase dunha representación teatral-musical programada a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O dúo pontevedrés presenta con esta obra un espectáculo familiar e moi divertido que fará que os espectadores vivan aventuras con piratas, lámpadas marabillosas, xenios e ata viaxes por galaxias descoñecidas. A actuación será ás 18:30 horas e a entrada custa 3 euros. Os billetes pódense adquirir na billeteira do Auditorio a partir das 16:30 horas.

13 de decembro de 2013 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.