publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

“A nena e o grilo nun barquiño” chega a Malpica de Bergantiños e Cerceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaMalpica de Bergantiños
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa esta fin de semana os derradeiros pases do musical “A nena e o grilo nun barquiño”, incluído no programa de dinamización lingüística “FalaRedes 2013”, no marco do que chegou a 23 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

As localidades anfitrioas serán as coruñesas Malpica de Bergantiños e Cerceda, que acollerán senllas funcións do musical de Magín Blanco este domingo, ás 12:00 horas, no Auditorio do Centro Cívico e ás 18:00 horas, no Auditorio Municipal, respectivamente. Como acontece coas 130 actividades de “FalaRedes 2013”, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

“A nena e o grilo nun barquiño” chegou, desde abril, a Carral, Ponte Caldelas, Outeiro de Rei, Cee, Ribadumia, Outes, Rois, Zas, Oroso, O Barco de Valdeorras, Vilaboa, Bueu, A Porqueira, Santiago de Compostela, Vila de Cruces, Piñor, Abegondo, Avión, Redondela, Caldas de Reis, O Carballiño, Malpica de Bergantiños e Cerceda.

Segue ‘Acuario’ ata final de ano

Outra das propostas de “FalaRedes 2013” é “Acuario”, o espectáculo de dinamización lingüística que casa poesía, música, teatro e monicreques para, da man de María Canosa e do elenco artístico do Teatro dos Ghazafellos, darlle á xente miúda da casa a oportunidade de se achegar, de xeito lúdico e divertido, á riqueza lingüística, cultural e gastronómica do noso litoral.

Durante a fin de semana acollerán a actividade as localidades de Aranga e de Dodro, ambas as dúas mañá, venres, con pases ás 17:00 horas no anexo do CEIP A Castellana e ás 19:00 horas no Salón de Actos da Paxareira, respectivamente.

12 de decembro de 2013 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.