publicidade hoxe

A música Gospel e Soul invadirán Santiago en dous concertos especiais para os días previos ao Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

New Orleans Gospel Chorale (mércores 18) e The Peppers Posts (venres 20) animarán o Nadal con dous concertos que se celebrarán, respectivamente, no Teatro Principal e na Sala Capitol. New Orleans Gospel Chorale subirá ao escenario do Principal o mércores 18 de decembro, ás 20:30 horas, co programa The art of negro spiritual, no marco do ciclo Sons’13. Os espirituais negros son unha forma musical específica dos Estados Unidos. Trátase dun produto da interacción da música e a relixión de África coa música e a relixión de orixe europea. Esta forma tivo a súa orixe na escravitude negra nos Estados Unidos, unha institución central na vida económica e social americana durante os séculos XVIII e XIX. Os himnos e cancións da tradición cristiá metodista tiveron unha enorme influencia na formación do espiritual negro. Os escravos compositores aproveitaban material dos vellos libros de himnos e da Biblia para crear algo culturalmente novo.

Os espirituais non son simplemente versións dun material máis antigo, senón a reordenación creativa dese material: novas melodías, textos sutilmente cambiados e, especialmente, profundas diferenzas de estilo na interpretación. Os compoñentes de New Orleans Gospel Chorale, antigos compoñentes do prestixioso grupo vocal de Nova Orleans Moses Hogan Singers, cuxo debut en EMI en 1998 acompañando á gran soprano Barbara Hendricks quedou na memoria de centenares de miles de afeccionados como un dos momentos inesquecibles do xénero, presentarán ao público europeo o mellor desa tradición no seu programa de Nadal: The art of negro spiritual.

Entradas á venda a 18 e 15 euros na billeteira do Principal e en entradas.novagaliciabanco.es.

The Pepper Pots presentará We must fight na Capitol o venres 20 ás 21:00 horas . O grupo publicou o seu novo disco o 12 de novembro, logo de 10 anos e 6 discos, varias xira mundiais con paradas en Estados Unidos, Xapón, Inglaterra, Francia, Rusia ou Alemaña e colaboracións con algún dos artistas máis importantes da historia recente do soul (Binky Griptite, Eli “Paperboy” Reed) e pasado (The Impressions, Maxine Brown). Dez anos que serviron para madurar a súa idea da música soul old school ata conseguir o seu mellor traballo discográfico, un salto adiante polo que respecta ás letras e o son do grupo. We must fight é un disco con moitos cambios. O máis evidente está nas voces, xa que por primeira vez na historia do grupo son dúas persoas, Adriana Prunell e Aya Sima, as que se encargan das voces, multiplicando o seu efecto emocional ao longo do disco ata cotas moi altas.

Entradas á venda a 12 euros (anticipada) e 15 euros (billeteira) no Teatro Principal, Ticketea, Codetickets, A Reixa Tenda, Portobello (A Coruña), Elepé (Vigo).

16 de decembro de 2013 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.