publicidade hoxe

A mostra ‘Querido Balbino’ conclúe a súa itinerancia en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria clausurou hoxe no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol a mostra “Querido Balbino 1961-2011: 50 anos de Memorias dun neno labrego”, que fixo parada nesta localidade desde o pasado día 10 de decembro, no marco da itinerancia que está a ter en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. A mostra remata así a itinerancia que este ano a levou por máis dunha vintena de concellos galegos.

No acto de clausura participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado polo escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas. Pechouse cunha charla-coloquio con escolares que cursan 1º de bacharelato no IES Saturnino Montojo de Ferrol, que incluíu unha pequena entrevista de dúas alumnas ao autor da obra máis lida da literatura galega.

‘Querido Balbino’

A mostra “Querido Balbino” achegou a traxectoria vital do autor de “Memorias dun neno labrego” mediante fotografías, documentos e correspondencia relativas a diferentes momentos autobiográficos destacados, así como a historia da propia peza literaria e do seu protagonista, Balbino. A exposición deu conta das edicións, adaptacións teatrais e audiovisuais inspiradas polas “Memorias” de Neira Vilas, que deron a lume desde a súa publicación, en 1961, máis de 600.000 exemplares, e da relevancia da figura protagonista desta peza, que conta cun espazo destacado no marco do sistema literario galego.

Quen a visitaron, puideron gozar tamén de doce obras pictóricas de artistas galegos, inspiradas na figura de Balbino, da autoría de Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias entre outros. A iniciativa recompilou nun catálogo explicativo –distribuído en formato papel e dixital- ilustrado e con comentarios aparecidos ao longo destes 50 anos de vida da obra, ademais dun documento único: a “Carta a Balbino” que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario.

Medio século de ‘Memorias dun neno labrego’

No 2011 fixéronse 50 anos desde a primeira publicación de “Memorias dun neno labrego” (Bos Aires, 1961), a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas. Mostra disto é que na actualidade estea dispoñible en 17 idiomas e preparándose a edición en xaponés. Entre as adaptacións teatrais que se teñen feito dela destaca unha representación en México, na península de Iucatán, primeiro en castelán e posteriormente en maia, na que Balbino se presentou coma un neno indio.

Achegarlle as letras galegas á cidadanía

Tras o seu paso polas bibliotecas nodais e museos de Galicia e mais por localidades pertencentes á RDL como Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira, A Laracha, Sada, Arteixo, Val do Dubra, A Baña, Negreira, Melide, Palas de Rei, Dodro, Rois, Padrón, Outes, Fisterra, Pontedeume, Zas, Castrelo de Miño, Santiago de Compostela, Silleda, Cerceda, Boqueixón, Carral, Curtis e Ferrol, a mostra conclúe a itinerancia no marco da que chegou neste ano a máis dunha vintena de localidades pertencentes á RDL.

19 de decembro de 2013 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.