A Mesa do orzamento participativo de San Sadurniño dalle o visto bo ás peticións das xuntanzas veciñais
Durante as últimas dúas semanas desenvoléronse nas distintas parroquias do concello as xuntanzas para facer propostas ao orzamento municipal de 2014. As peticións veciñais centráronse na súa maioría no arranxo de pistas e en obras puntuais en varios lugares do territorio, pero tamén se recolleron ideas novidosas das que se beneficiará todo o municipio.
Unha delas presentouna en Naraío un mozo de 17 anos, que propuxo novos usos para a actual casa do Concello tan pronto como se traslade a sede consistorial ao pazo da Marquesa. A idea é converter parte do edificio nun espazo en que a mocidade poida reunirse e realizar distintas actividades, ben por iniciativa propia ou ben por medio do Concello. Neste sentido tamén se puxo enriba da mesa a necesidade de conectar coas inquedanzas dos máis novos por medio de enquisas e ferramentas en liña que lles permitan manter un contacto máis estreito co municipio.
A proposta cadra con peticións que xurdiron en varias xuntanzas, nas que se reclamou do Concello a programación de cursos orientados a persoas desempregadas e a xente moza, como poden ser as accións formativas sobre prevención de riscos laborais -sobre todo na agricultura, no sector forestal e para o manexo de maquinaria-, aínda que tamén sobre agricultura ecolóxica e outros campos con posibilidades de crecemento no medio rural.
En canto a actuacións puntuais, a Mesa do orzamento participativo repasou varias achegas veciñais que o Concello se comprometeu a executar incluso antes de que o proceso de consulta estivese finalizado. É o caso das sendas peonís solicitadas nas xuntanzas de Santa Mariña e Lamas. A semana pasada o pleno aprobou por unanimidade construír beiravías tanto en Vilachá -Santa Mariña- como no Chao de Lamas dentro do POS 2014.
Nesta última parroquia tamén se pediu acondicionar o local social para que o espazo dispoñible se poida aproveitar mellor, mentres que en Santa Mariña púxose de manifesto a necesidade de continuar coa instalación de dispositivos de aforro enerxético nos alumeados públicos. Unha petición que se repetiu en Ferreira onde, ademais, se solicitou maior atención para o lavadoiro do Regueiro.
En Igrexafeita os veciños e veciñas propuxeron que o municipio se implicase na execución dunha traída de augas comunitaria que solvente dunha vez por todas o problema da auga ferruxinosa que lle afecta, principalmente, aos pozos do lugar do Camiño Grande. A parroquia tamén se interesou polo proxecto municipal de converter en vivendas as escolas abandonadas, ao que podería incorporarse en breve o antigo grupo da Torre.
Pola súa banda, Bardaos propuxo amañar varias pistas e colocar un colector de papel no lugar das Loibas. O asunto dos colectores serviu para abrir o debate na Mesa do orzamento sobre a necesidade dunha maior concienciación veciñal ao respecto da reciclaxe, e máis aínda agora que SOGAMA prevé aumentar nun 33% o canon que lle cobra aos concellos polo tratamento do lixo depositado no colector verde.
No Camiño Arriba as peticións veciñais centráronse exclusivamente na limpeza de cunetas e no arranxo de pistas mentres que en San Sadurniño se presentou unha solicitude para ampliar o alumeado público ao lugar do Cochón e para que o Concello mire a posibilidade de adquirir terreos onde se asentan restos castrexos.
Trala reunión da Mesa do orzamento municipal, o Concello elaborará un documento no que se reflictan todas as achegas veciñais para ilas levando a cabo ao longo do 2014. Priorizaranse as que teñan unha maior repercusión territorial e, en calquera caso, executaranse todas as que se poidan asumir economicamente, xa sexa con recursos propios ou dentro de programas doutras administracións. O prazo remata o 20 de decembro e só poderán facer por vía electrónica.
O Concello de San Sadurniño axúdalles ás entidades veciñais a tramitar as solicitudes de axudas para a Deputación
A Deputación Provincial de A Coruña ten aberto ata o 20 de decembro o prazo de presentación de solicitudes das subvencións para asociacións dentro da convocatoria de 2014. A principal novidade é que esta vez será obrigatorio facer os trámites telematicamente a través da plataforma habilitada polo organismo provincial. O Concello de San Sadurniño pon a disposición de todas as asociacións a Aula Cemit para a resolver dúbidas e axudarlles no proceso de obtención de certificados dixitais, acceso á plataforma e na tramitación telemática da documentación.
Os primeiros requisitos que debe ter a asociación para realizar os tramites teleḿaticos son os seguintes:
– Ter unha conta de correo electrónico da asociación que non varíe durante todo o proceso de solicitude, concesión e xustificación das axudas.
– Ter habilitado un certificado dixital ou DNI electrónico, daquelas persoas responsables de asinar os documentos (presidencia e secretaría). As persoas que xa teñan DNI electrónico, poden activar e reactivar o seu certificado e obter a clave na comisaría de policía -rúa San Amaro s/n- sen necesidade de citra previa.
– No caso de ter xa habilitado o certificado do DNI electrónico é importante comprobar que funciona e que non estea caducado. Aquelas persoas que non dispoñan do DNI electrónico poden solicitalo con cita previa.
A Aula Cemit estará a disposición das entidades os martes e xoves do mes de decembro en horario de 16:00 a 20:00 horas. Aquelas asociacións interesadas podeden contactar coa Axente TIC para acordar data/hora ou ver a posibilidade de formar un grupo.











