A Laracha aumenta progresivamente a poboación segundo datos do INE

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+

O Instituto Nacional de Estadística (INE) vén de comunicar ao Concello da Laracha que, unha vez finalizado o procedemento previsto por lei para a obtención da proposta de cifras oficiais de poboación, o número de habitantes do noso municipio a día 1 de xaneiro de 2013 ascende a 11.375, cifra que se elevou ao Goberno e que será declarada oficial nos próximos días.

O dato ofrecido polo INE volve a poñer de manifesto o progresivo aumento de poboación que se rexistra no Concello da Laracha. Neste caso o incremento é de tan so oito veciños con respecto á mesma data do ano anterior, pero permite manter a continuada liña ascendente que levou ao municipio a gañar máis de douscentos habitantes desde 2009.

Sen embargo, as cifras do padrón municipal de habitantes recollen uns valores actualizados que indican que no Concello da Laracha residen, a día de hoxe (14 de decembro de 2013), 11.519 veciños. A pesar de que os criterios do INE e do padrón presentan certas diferenzas no cómputo dos habitantes que son visibles nas cifras oficiais, este último dato apunta a un aumento bastante importante de cara ao próximo ano, no que o Concello volverá a gañar poboación.

Desde o Concello da Laracha valoramos estas cifras de poboación como altamente positivas, xa que o aumento no número de habitantes é o mellor indicativo da boa calidade de vida que se ofrece no municipio. Neste sentido, a labor do goberno local posibilita ofrecer servizos aos veciños para axudar na conciliación da vida persoal, laboral e familiar (centro de día e fogar residencial, escola infantil, aula lúdica), programas de actividades dirixidos a todos os públicos, locais sociais para a terceira idade nos tres cascos urbanos, ampla cobertura en instalacións deportivas e culturais e un desenvolvemento urbanístico ordenado que permitiu durante os últimos anos crear áreas verdes, prazas públicas e parques infantís. Ademais, neste sentido son esenciais as boas comunicacións e a proximidade coa cidade da Coruña.

Na medida das posibilidades, o goberno local sempre tratou de ofrecer as mesmas posibilidades nas parroquias que nas vilas, tratando de fixar poboación no rural con investimentos estratéxicos na mellora da rede viaria, así como nas ampliacións das redes de saneamento, abastecemento e telecomunicacións. Ademais, todas as parroquias contan con centros socioculturais, grazas ás que o Concello pode descentralizar a súa oferta de actividades culturais e deportivas.

14 de decembro de 2013 | 12:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.