A Laracha aproba inicialmente o plan de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo e do IES Agra de Leborís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha, reunida hoxe en sesión ordinaria, acordou aprobar con carácter inicial o Plan especial de ampliación dos equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo e do IES Agra de Leborís.

Deste xeito avánzase na tramitación administrativa do documento, promovido polo Concello da Laracha e realizado atendendo ás directrices técnicas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, que xa comunicara anteriormente a non necesidade de sometemento a Avaliación Ambiental Estratéxica.

O acordo alcanzado hoxe pola Xunta de Goberno será publicado nos diarios oficiais nos próximos días, momento no que se abrirá o período de exposición pública. Posteriormente, para elevar a aprobación a definitiva requirirase dos preceptivos informes sectoriais favorables dos diferentes organismos, así como do acordo por parte do Pleno da Corporación municipal.

Desde o Concello da Laracha promóvese este Plan Especial dirixido a ampliar a superficie de terreo vinculada aos dous centros de ensino na procura de dous obxectivos esenciais. Por unha parte, resolver os problemas de tráfico que se xeran pola propia afluencia de alumnos e persoal do colexio e do instituto e mellorar as comunicacións rodadas. Por outra banda, aumentaranse os espazos asociados a ambas zonas educativas, cualificándoos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do xeito preciso para que poidan albergar nun futuro, e no caso de que así se precise, novos equipamentos dotacionais de tipo cultural, deportivo, social ou educativo.

No caso do CEIP Ramón Otero Pedrayo, o Plan permitirá mellorar os accesos cara a entrada principal, ancheando a rúa José Añón desde a estrada xeral C-552 ata a escola da Areosa e dando resposta á situación actual nesta zona, na que se establece unha dirección única de circulación nas horas de entrada e saída do colexio. Tamén se contempla a mellora do tramo da vía Buenos Aires-Pereiro nas inmediacións do centro.

Por outro lado, unha superficie duns 11.200 metros cadrados pasaría a formar parte do ámbito do colexio, quedando este espazo reservado, inicialmente, tanto para os autobuses de transporte escolar como para aparcadoiro de vehículos do centro, pero cualificado urbanisticamente para poder albergar equipamentos dotacionais nun futuro. É importante salientar que este Plan non afecta nin ao pavillón polideportivo nin ao novo edificio de infantil xa aprobados para construírse no colexio, dado que a súa ubicación xa está prevista nos terreos que forman parte da dotación actual do centro.

Para o caso do IES Agra de Leborís, a mellora consiste na apertura dunha nova vía que discorrería pola parte posterior do instituto e que comunicaría directamente a avenida Manuel Fraga Iribarne coa 1ª travesía Doutor López Astray, creándose unha circunvalación e mellorándose os accesos entre a zona de Santa Lucía (inicio da estrada A Laracha-A Silva) coa carreteira A Laracha-Soandres.

Ademais, os terreos situados á marxe esquerda desta nova estrada (uns 6.100 metros cadrados) serían de titularidade municipal e quedarían cualificados urbanisticamente para albergar, nun futuro, equipamentos dotacionais nesta céntrica zona do casco urbano da Laracha.

A superficie total afectada polo Plan especial de ampliación dos equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo e do IES Agra de Leborís será, conxuntamente, dun total duns 29.300 metros cadrados.

O Concello da Laracha dará, así, resposta a determinados problemas que se crearon en ambos centros e derivados de dous motivos principais: o aumento no número de alumnos e o crecemento urbanístico rexistrado durante os últimos anos no casco urbano da capital municipal. Este Plan Especial, ademais de resolver estas cuestións, vinculará novos terreos aos centros, o que posibilitará adiantarse ás futuras necesidades que poidan presentarse.

Facturas

Salientar, así mesmo, que na Xunta de Goberno tamén foron aprobadas facturas por un importe total duns 16.000 euros, entre as que cabe salientar a correspondente á limpeza de edificios e instalacións municipais durante o mes de novembro.

23 de decembro de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.