A iniciativa ‘Big Ciencia’ converterá a catedral de Lugo no taboleiro xigante dun concurso científico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

Lugo será mañá escenario de Big Ciencia, un novidoso concurso popular sobre ciencia e innovación impulsado pola Consellería de Economía e Industria que este mes de decembro converterá as fachadas dos edificios máis emblemáticos das cidades galegas en xigantescos taboleiros de xogo.

A cita será ás 18.30 horas de mañá na Praza de Santa María (sobre a fachada da Catedral). Tras celebrarse o pasado día 11 na Praza do Obradoiro de Santiago e hoxe, día 13, na Torre de Hércules da Coruña, a xira do Big Ciencia continuará o próximo día 20 en Ourense e o 21 en Vigo. O concurso tomará así as principais rúas das cidades durante as vésperas do Nadal e nel poderán participar todos os cidadáns que se animen a medir os seus coñecementos fronte a un rival, sen necesidade de inscribirse previamente.

O obxectivo desta actividade, promovida pola Axencia Galega de Innovación coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), é achegar a innovación á cidadanía dun xeito ameno e divertido nas rúas da súa cidade. Esta acción de divulgación conta cun espectacular e innovador formato, xa que combinará en plena rúa o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato.

Taller práctico sobre a tecnoloxía que fará grande o concurso

A gran novidade do Big Ciencia radica en que o taboleiro de xogo, no que se proxectarán a gran escala as preguntas e as respostas, será a fachada dun céntrico edificio da cidade na que se estea levando a cabo o evento, o que converterá cada acción en única.

Isto será posible grazas ao uso da proxección arquitectónica de gran formato, unha técnica ata o momento reservada a actividades de carácter artístico e que permitirá a Big Ciencia crear un novo concepto de divulgación científica totalmente innovador e de grande impacto visual.

Ademais, todos os interesados nesta tecnoloxía audiovisual terán a posibilidade de coñecela de preto nun taller práctico que se realizará nas cinco cidades galegas nas horas previas ao concurso. O de mañá en Lugo celebrarase desde as 17.45 h. da tarde nunha carpa situada na Praza de Santa María.

Para todos os públicos

A mecánica do Big Ciencia será moi sinxela co obxectivo de facela accesible para todos os públicos, independentemente do seu nivel de coñecementos. O concurso botará a andar no momento no que dúas persoas se sitúen ante os pulsadores e a xigantesca pantalla. As preguntas serán tipo test e os participantes deberán elixir a resposta correcta de entre catro posibles, contando coa axuda dos espectadores para facelo. Precisamente este comodín do público fomentará a participación de todos os asistentes ao concurso, que ten o obxectivo de enganchar desde un principio dada a súa axilidade.

13 de decembro de 2013 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.