publicidade hoxe

A Hospedaría de San Martiño Pinario acolle unha nova edición de Expoconvento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+
Nava Castro en Expoconvento. Foto: X. Crespo

Nava Castro en Expoconvento. Foto: X. Crespo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, realizou esta tarde unha visita a Expoconvento, a feira do Doce de Convento que estes días pode visitarse na Hospedaría de San Martiño Pinario, na praza da Inmaculada. O obxectivo desta iniciativa que conta coa colaboración de Turismo de Galicia a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, é dar a coñecer a enorme e exquisita variedade de produtos de repostería que se fabrican en corenta e cinco conventos e mosteiros de toda España.

O visitante pode escoller entre 250 variedades de doces, tales como delicias de xema, bocadiños árabes, perliñas de licor, turróns, etc. Trátase da terceira edición de Expoconvento e a feira inclúe produtos que teñen o mesmo prezo que se se mercaran nos conventos nos que se producen. Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, a actuación inclúese nas actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e implica “un atractivo turístico engadido para os viaxeiros que nesta fin de semana se despracen a Galicia ou á capital compostelá, porque poderán completar a súa visita levando para a casa algúns dos doces monacais e conventuais máis exquisitos”.

Segundo lembrou, a gastronomía é a primeira motivación dos turistas que visitan a nosa comunidade e “é por isto que iniciativas que poñen en valor a nosa cociña tradicional funcionan como reclamo turístico e cultural e poden animar aos viaxeiros a visitar os conventos e mosteiros nos que se cociñan os doces”.

A repostería conventual forma parte dos recursos asociados á enogastronomía que permiten conformar experiencias turísticas únicas, coñecer a historia dos diferentes doces, a orixe da súa elaboración, os lugares nos que se elaboran e a influencia histórica dos conventos e mosteiros nas zonas nas que se asentaron conforman unha experiencia cultural única.

Nava Castro comentou tamén que ao coñecer Santiago, ademais de descubrir a Catedral, a meta da Ruta Xacobea, “podemos deternos a mercar algúns doces únicos e tamén coñecer algunhas tradicións, que nos achegan de modo especial ao destino”.

E, ao tempo, engadiu que a través de ExpoConvento pódese descubrir a deliciosa gastronomía dos conventos e a través dela coñecer os recursos patrimoniais destes e dos enclaves nos que se asentan.

Galicia conmemora o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago ata mediados de 2015 e iniciativas como esta contribúen a incrementar a oferta cultural das cidades e vilas galegas e a descubrir o destino dende diversas ópticas.

19 de decembro de 2013 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.