A Fundación Paideia organiza unha nova edición de “La ida” para realizar prácticas en Alemaña
“La ida” é un proxecto de mobilidade de mozas e mozos galegos en distintas situacións de desvantaxe e con difícil reinserción (desemprego, risco de abandono escolar, desvantaxes por cuestións territoriais, etc.) para que realicen prácticas formativas en empresas alemás, unha estadía que servirá como formación en competencias e aumento da súa experiencia laboral.
O obxectivo do programa é incrementar as posibilidades laborais no futuro inmediato e facilitar a súa reincorporación a itinerarios formativos, unha vez que volvan a Galicia.
Co acordo asinado hoxe, a institución provincial contribúe con 17.000 euros que supoñen o 80% do orzamento total e que cobren os gastos de aloxamento, manutención, viaxes, seguros e o resto de trámites necesarios para o desenvolvemento do programa.
Con esta axuda, 21 galegos da provincia entre 18 e 30 anos e residentes nas Pontes, Boiro, Carnota, Lousame, A Coruña, Malpica, Muros, Noia, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Rois e Sada realizaron un período de prácticas formativas durante un mes en empresas situadas nas rexións de Wernigerode e Recklinghausen (Alemaña), nos sectores de sanidade, electricidade, xardinería, carpintería, restauración, deseño gráfico, metal, xuventude, zooloxía e fotografía.
Ademais das prácticas empresariais, os participantes de “La Ida” asisten a clases de alemán e a diversas actividades culturais e deportivas que serven coma medio de complementar a súa aprendizaxe e facilitar a integración na comunidade de acollida.