A Fundación Barrié organiza unha xornada de emprendemento cultural
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe nunha xornada de emprendemento cultural organizada pola Asociación de Bolseiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza co obxectivo de afondar nas posibilidades de desenvolvemento profesional mediante este xeito de autoemprego relacionado cos distintos ámbitos da cultura en Galicia.
Moderada pola intérprete e compositora Cristina Pato, a xornada desenvolveuse a través dunha mesa redonda con participación activa do público asistente. Como relatores interviñeron o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, en representación da Consellería; ademais de Paco de Pin, director da empresa Nordesía Producións, Víctor Freixanes, director xeral de Editorial Galaxia, e Juan Carlos Fernández Fasero, delegado territorial da SGAE (Sociedad General de Autores e Editores).
Jacobo Sutil centrouse na explicación das distintas liñas de axudas para proxectos culturais convocadas e desenvolvidas este ano a través da Agadic, tanto as destinadas ás industrias culturais en xeral, cun percorrido polos contidos, obxectivos e destinatarios das súas principais modalidades de actividade escénica, distribución e funcionamento de salas, así como as referidas especificamente ao sector audiovisual, con especial incidencia nas dirixidas á creación e promoción do talento e á posta en marcha e desenvolvemento de distintos tipos de proxectos cinematográficos.
Aposta polo emprendemento cultural
A Consellería de Cultura aposta ademais polo emprendemento cultural a través da iniciativa ‘Emprende Cultura Gaiás’, desenvolvida a través da Cidade da Cultura de Galicia e da Agadic. O proxecto, que vén de abrir unha nova convocatoria para a cobertura de ata 30 postos de emprendedores culturais, conta nestes momentos con 23 empresas traballando na súa sede, todas elas relacionadas co mundo audiovisual, a comunicación, organización de eventos, exposicións, imaxe e consultoría.
A estas prazas poden optar todo tipo de profesionais das industrias culturais, tanto profesionais independentes como emprendedores que se atopen en proceso de constitución de autónomos.











