A fonte de Trabanca Sardiñeira emana auga despois de conectala cun manancial subterráneo das inmediacións
Despois de varios meses sen que a auga fluíse con normalidade na fonte lavadoiro de Trabanca Sardiñeira, o líquido elemento volve a manar con bo caudal dende o pasado xoves. A esperada noticia polos veciños do barrio vilagarcián chegou como consecuencias da conexión da fonte cun manancial detectado nas inmediacións, segundo informou a concelleira de Obras, Ana Granja que se encargou de supervisar os traballos realizados pola adxudicataria do AVE.
A fonte lavadoiro de Trabanca Sardiñeira deixou de ter un fluxo constante de auga pouco tempo despois de iniciadas as obras da liña do trazado da alta velocidade ferroviaria para as que foi preciso realizar un importante movemento de terras que puido cambiar o curso do manancial que a abastecía. Tras as xestións realizadas polo Concello ante o Ministerio de Fomento, promotora das obras do AVE, o organismo comprometeuse a resolver o problema. O pasado mes fíxose unha cata para detectar bolsas de auga subterráneas, atopando unha a poucos metros da fonte. Posteriormente perforouse a zona para localizar o manancial e, por último, construíuse unha canalización para conducir a auga deste manancial ata a fonte.
A conexión rematouse o pasado xoves, momento dende o cal a auga volve a manar con bo caudal do cano da fonte lavadoiro de Trabanca Sardiñeira, quedando resolta unha das demandas máis reivindicadas polos veciños da zona.
Saneamento en Castroagudín
Por outro lado, a concelleira de Obras informou que avanzan a bo ritmo os traballos de ampliación da rede de saneamento en Castroagudín. Os novos tramos do alcantarillado xa están instalados nas inmediacións do Centro Sociocultural e na Rúa Castiñeira. O último tramo que queda, o de maior lonxitude, é o que conectará coa zona do bombeo de Os Piñeiros e que se comezará a colocar unha vez pasadas as festas de Nadal, época na que que collen vacacións os operarios da adxudicataria.
O proxecto que está a executar a empresa empresa Repoboacións e Desbroces do Noroeste prevé a instalación nas tres zonas de colectores de PVC, pozos de rexistro e a conexión á rede xeral. Trátase dunha obra financiada polo Concello cun presuposto de 36.321 euros.