A exposición sobre Jorge Juan y Santacilia manténse aberta na Fundación Novacaixagalicia
A exposición de Jorge Juan y Santacilia segue aberta ata o vindeiro 11 de xaneiro na sede ferrolá da Fundación Novacaixagalicia. Esta mostra súmase ás diferentes actividades que organiza o Concello de Ferrol xunto á Armada Española para conmemorar o terceiro centenario do nacemento do insigne mariño e enxeñeiro. Case un centenar de pezas que inclúen retratos, planos, cartas e instrumentos militares constitúen esta exposición que se centra en tres facetas de Jorge Juan: científico, enxeñeiro e o seu vínculo con Ferrol.
Jorge Juan y Santacilia sobresae nas misións e responsabilidades máis específicas que se lle asignan no ámbito da Mariña, e tamén en actividades tan diversas como a astronomía, a minería, a hidráulica, a siderurxia ou a diplomacia, aplicando en todas elas as súas grandes capacidades para a consecución do éxito. A sección que a exposición dedica ao vínculo de Jorge Juan con Ferrol mostra panel a panel a evolución dende os primeiros planos do Arsenal Militar, ata o resultado definitivo, tralas ampliacións e modificacións que o levaron a converterse no “porto ideal da Ilustración”. Todas as pezas que compoñen a exposición conmemorativa do terceiro centenario do nacemento deste ilustre mariño proveñen do Arquivo Xeral de Simancas, a Biblioteca do Museo Naval de Ferrol, o Instituto de Historia e Cultura Militar, o Museo Naval de Madrid e o Servizo Xeográfico do Exército.











