A exposición contra a violencia de xénero “Cartas de Amor” permanecerá no CPI Ponte Carreira do 10 ao 17 de decembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O CPI Ponte Carreira acollerá do 10 ao 17 de decembro a exposición “Cartas de Amor”, unha mostra gráfica de banda deseñada de artistas galegos que pretende sensibilizar á poboación máis nova sobre a existencia de violencia na súa forma de relacionarse, axudar a detectala e, finalmente, erradicar estas formas de relación asimétricas e violentas. Unha iniciativa que foi solicitada polo Concello de Frades á rede galega de entidades locais contra a violencia de xénero e que será posible grazas á Secretaría Xeral da Igualdade, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

“Cartas de Amor” é unha exposición de banda deseñada sobre violencia de xénero con debuxos de artistas como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, Pirusca, José Luís Méndez, Jack Mircala ou Javier Olivares. Uns traballos que buscan motivar á reflexión dos rapaces sobre o paralelismo entre o mundo romántico das primeiras relacións de parella e a crueldade que, en ocasións, vai asociada a elas, sobre todo diante do incremento de casos de violencia verbal ou física detectado a nivel nacional nas relacións de parellas entre adolescentes.

Así mesmo, na mañá do mércores 11 de decembro o CPI Ponte Carreira acollerá uns obradoiros formativos nos que participarán alumnos e alumnas de 1º, 2º e 3º da ESO. Serán dúas sesións, de dúas horas cada unha, nas que unha especialista incidirá na importancia da prevención da violencia de xénero dende o ámbito educativo, partindo as súas ensinanzas de cada unha das obras expostas na mostra “Cartas de Amor”.

5 de decembro de 2013 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.