publicidade hoxe

A Deputación presenta unha aplicación para dispositivos móbiles para que “Ourense interactúe”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Baltar na presentación do dispositivo móbil

Baltar na presentación do dispositivo móbil

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a nova aplicación para dispositivos móbiles (APP) da institución provincial, unha tecnoloxía que se pode descargar gratuítamente dende hoxe no móbil buscando o epígrafe de “Provincia Inteligente” e que permitirá, en palabras do presidente provincial “facer posible a pocket administration, levar a administración no peto, co obxectivo de aumentar e axilizar a relación da institución provincial coa cidadanía”.

A nova APP inclúe xestión de incidencias e suxestións que acheguen os cidadáns, o apartado do “Presidente responde”, noticias da deputación, un apartado de “Termalismo saudable” e proximamente permitirá xestionar tributos locais, entradas para eventos (reserva e compra), xestionar publicacións do ente provincial (reserva e compra), inscribirse en cursos formación e rexistrar adhesións de cidadáns para a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, ademais de ter acceso á programación cultural e deportiva da deputación.

Asemade, a APP daralle un pulo á interactividade cidadá coa gamificación, é dicir, promover o uso desta aplicación por parte dos cidadáns, coa creación da figura do “Voluntario provincial”, que ten como obxectivo promover que a poboación utilice esta canle de comunicación para facer suxestións, rexistrar quiexas e avaliar os servizos do ente provincial, para que, a cambio, se poidan conseguir descontos e bonificacións en programas que xestiona a deputación.

Segundo Manuel Baltar “pretendemos que a APP da Deputación “sexa o buzón de suxestións provincial, afondando cada día máis na transparencia, e que a relación da deputación co cidadán sexa bidireccional e interactiva ao máximo, acadando un necesario, áxil e eficaz diálogo entre administración e administrado”. Baltar engadiu: “O protagonismo ten que ser do cidadán; os políticos estamos para xestionar, pero debémonos ás persoas, e por elas temos que pór a súa disposición elementos que favorezan e melloren o achegamento á cidadanía”.

A APP está dispoñible en tres idiomas: galego, castelán e inglés e para dispositivos Android e Apple, e permitirá axilizar os procedementos administrativos e interactuar cos usuarios, dentro da chamada Administración 3.0. Dende a mesma APP os usuarios tamén se poden conectar a Facebook, Twitter, Youtube e ao apartado que permite seguir en directo a retransmisión dos plenos da corporación provincial.

23 de decembro de 2013 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.