publicidade hoxe

A Deputación de Ourense organiza xunto a Pen Clube a “X Xornada con Eduardo Blanco Amor”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
X Xornada con Eduardo Blanco Amor

X Xornada con Eduardo Blanco Amor

Esta mañá celebrouse no cemiterio de San Francisco a “X Xornada con Eduardo Blanco Amor”, un acto organizado polo Pen Clube de Galicia e a Deputación de Ourense e ao que nesta ocasión se sumaron a Real Academia da Lingua Galega, o Concello de Ourense e a Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Este acto pretende lembrar e poñer en valor a figura de Eduardo Blanco Amor, o escritor que inmortalizou Auria coa súa obra. Nesta xornada congregáronse diante da campa de Blanco Amor, entre outras autoridades, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; o Secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o presidente da Real Academia da Lingua Galega, Xesús Alonso Montero.

Rosendo Fernández aproveitou o acto para transmitir aos presentes o desexo do presidente da Deputación, Manuel Baltar, de que, dada a relevancia e significación de Blanco Amor para Ourense e posto que no ano 2014 se cumpren 35 do seu pasamento, este ano 2014 sexa declarado en Ourense o ano Blanco Amor. Así mesmo, Rosendo Fernández aproveitou a presenza do presidente da Real Academia da Lingua Galega e do conselleiro de Cultura para pedirlles, en nome do presidente da Deputación, que no vindeiro 2014, xunto coas actividades que se están a preparar para render a merecida homenaxe ao poeta lucense Xosé María Díaz Castro, se teña en conta esta efeméride do pasamento de Blanco Amor para honrar tamén a súa memoria, gloria das letras ourensás, galegas e españolas.

2 de decembro de 2013 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.