A Deputación da Coruña concederá 30 becas Leonardo para prácticas en Alemaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGalicia exterior
A-
A+
A Deputación da Coruña, no marco do Programa de Aprendizaxe Permanente da UE, e dentro do programa Leonardo, convocará durante o ano 2014 un total de 30 becas para a realización de prácticas laborais en empresas alemás.

O BOP publica hoxe as bases para unha primeira fase da convocatoria, coa oferta de 10 becas ás que poderán optar persoas de entre 18 e 30 anos empadroadas nalgún municipio da provincia da Coruña e que teñan realizado un ciclo superior de Formación Profesional nalgún dos sectores de secretaría e oficina, fabricación e procesado, hostalería e restauración, sanidade ou traballo social e orientación.

Ademais, pídese un coñecemento de alemán nun nivel mínimo equivalente ao A2, non ser receptor de axudas da Comisión Europea no mesmo período de tempo e non ter recibido con anterioridade unha beca Leonardo Da Vinci.

A concesión da beca supón axuda económica tanto para as viaxes e desprazamentos desde A Coruña ata o lugar de destino como para o aloxamento e manutención. Inclúe, por outra banda, a realización de prácticas formativas nunha empresa no distrito de Enzkreis, un seguimento e control da actividade e unha preparación cultural, pedagóxica e lingüística de 2 semanas previa ao inicio das prácticas laborais.

Todos os interesados en entrar na convocatoria deberán enviar as súas solicitudes antes do 10 de xaneiro, xa que está previsto que as estadías en Alemaña, de 12 semanas de duración, comecen no mes de febreiro.
18 de decembro de 2013 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.