A Deputación da Coruña acolle unha xornada de comunicación e cooperación no Día Internacional dos Dereitos Humanos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
A sala Juanjo Gallo, no sexto andar da sede da Deputación da Coruña, acollerá mañá a xornada “Comunicación e cooperación internacional”, que organiza o Fondo Galego (do que a institución provincial coruñesa forma parte) e que coincidirá coa celebración do Día Internacional dos Dereitos Humanos no marco da Irmandade Galicia-Cabo Verde. 

Os diferentes relatorios e mesas redondas, que comezarán ás 10 da mañá, serán inauguradas polo vicepresidente provincial e responsable da área de Cooperación Internacional, Antonio Cañás, en compañía da presidenta do Fondo Galego e concelleira de Redondela, Teresa París. Con eles estarán tamén a vicepresidenta desta entidade supramunicipal, a concelleira de Vigo Isaura Abeleiras; e a tesoureira, Pilar Gallego, do Concello de Allariz.

Os debates centraranse en asuntos de actualidade para fomentar a reflexión sobre as distintas problemáticas que afectan ao sector e abordarán, sobre todo, a relevancia e o papel da comunicación coa fin de construír un mundo máis xusto.

A charla inaugural, baixo o nome “As estruturas e os desequilibrios da información mundial” correrá ao cargo de Luis Álvarez Pousa, profesor da Universidade de Santiago de Compostela. A continuación celebrarase a mesa “A linguaxe: como construímos a realidade internacional? Do subdesenvolvemento ao Caso Cooperación” coa participación de Lorena Seijo, xornalista con experiencia en países do Sur; Rebeca Mateos, de Periodismo Humano e Amnistía Internacional; e Félix Soria, o primeiro correspondente en Bruxelas de La Voz de Galicia.

A segunda mesa redonda, “As imaxes, como retratamos o mundo?” correrá a cargo de Helena Capera, técnica da Coordinadora Galega de ONGD; e os fotoxornalistas Gabriel Tizón e Rober Amado.

Baixo “Experiencias de comunicación en Galicia. Hai espazo para a cooperación internacional?” debatirán Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas; Susana Alvite, vicepresidenta de Agareso; David Lombao, xornalista e xefe de redacción de Praza Pública; Silvia Camesella, xornalista e colaboradora do Igadi e o Fondo Galego; e Rubén Santamarta, xornalista de La Voz de Galicia e gran coñecedor do traballo das ONG  e os voluntarios galegos nos países máis necesitados.  

Por último, a xornada pecharase coa charla de Vlademiro Alemida, xornalista de Expresso das Ilhas en Cabo Verde, “A ollada desde o Sur”.
9 de decembro de 2013 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.