A Deputación comezará as tarefas de mantemento e consolidación das ruínas de San Domingos, en Pontevedra
A Deputación de Pontevedra iniciará en xaneiro unha actuación nas ruínas da antiga igrexa de San Domingos, en Pontevedra, para conservar e protexer este monumento histórico, do século XV, que hoxe é un polo de atracción turística para a cidade e para Galicia.
A intervención contará cun orzamento de 200.000 euros e desde a institución provincial prevese que, nun prazo de catro meses, o conxunto patrimonial se abra de novo ó público.
Os traballos basearanse nun detallado informe de avaliación estrutural das ruínas, elaborado por Javier de la Puente, profesor da Universidade de Vigo e director da empresa Capitel, Arquitectura, Ingeniería e Innovación.
O informe foi demandado pola Deputación pois en agosto de 2013 caeu un fragmento dun capitel da antiga igrexa e, ademais, o propio edificio sufriu nos últimos tempos un certo grao de deterioración pola acción da intemperie e outros elementos.
Actuación prevista
A actuación prevista, de mantemento e consolidación, consolidará as gretas e as zonas con perda de material, saneará e repoñerá as xuntas, limpará os muros, tratará as humidades, fixará as pilastras, protexerá as ventás e instalará limitadores de presenza das aves a través duns arames que dificultarán que estas se pousen.
Na análise realizada detectouse que a colonización biótica dos musgos e liques contribúe á degradación do granito que compón os panos, e constatouse que existen áreas cunha severa perda do material en profundidade da fábrica. Así mesmo, as ruínas de San Domingos presentan unha imperiosa necesidade de fixar as pezas mediante resinas pois hai unha alta presenza de humidade capilar no exterior e no patio interior, e conteñen unha capa asociada á contaminación atmosférica.
O informe, elaborado por Capitel, constata que o conxunto das ruínas é estable e non presenta riscos estruturais globais. O traballo consistiu nun levantamento con láser escáner das ruínas, cunha técnica avanzada en restitución, en tres dimensións; para iso recolléronse 42 millóns de puntos e 12 posicionamentos.











