publicidade hoxe

A creación dunha nova empresa en Culleredo reducirase a un prazo de 3 días e poderase facer por internet

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal Portada
A-
A+

O goberno de Culleredo simplificará ao máximo as tramitacións para os emprendedores. O pleno que terá lugar mañá mércores, desde as 20.30 horas, aprobará a adhesión do Concello á plataforma electrónica “Emprende en 3”, unha iniciativa propiciada polo acordo entre o Ministerio de Facenda e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) co obxectivo de reducir a burocracia para a creación de empresas.

Este sistema desenvolve o Proxecto de Simplificación Administrativa que promove a FEMP e a administración. “Emprende en 3” fixa un modelo electrónico de declaración responsable, de conformidade coa lei 12/2002, e unha plataforma para a tramitación dos inicios de actividade ou traslados de negocios.

Calcúlase que con este sistema os trámites para a creación dunha pequena empresa ou dun negocio almacenista, de menos de 300 metros cadrados de superficie, acurtaranse de forma notable de 42 a 3 días. Os prazos tamén se reducen sensiblemente para os casos de cambio de titularidade.

O alcalde de Culleredo, Xullo Sancristán, destaca que esta nova plataforma permitirá realizar os trámites necesarios de forma simultánea co tres administracións: Estado, Xunta de Galicia e Concello. E por Internet, o que evitará desprazamentos ás distintas dependencias públicas para os emprendedores cullerdenses.

O rexedor apunta que o sistema procura a “eficacia e eficiencia” na xestión administrativa municipal, tratando de ofrecer maiores facilidades aos veciños. Especialmente importante resulta esta aplicación nestes momentos, engade, ao eliminar trabas burocráticas para a xeración de actividade económica e emprego.

Unha vez aprobada mañá a entrada nesta plataforma, o Concello adaptará no mes de xaneiro as ordenanzas de licenzas e aperturas a esta nova realidade.

Este sistema de declaración responsable baséase no compromiso do solicitante de que achega datos e proxectos de forma verídica. O Concello só intervirá no final do proceso, mediante inspeccións para a comprobación do executado.

Con esta decisión, o goberno de Culleredo dá un paso máis de face á informatización municipal e a dotación de servizos por Internet aos veciños, tras a posta en marcha de iniciativas como a sede electrónica.

17 de decembro de 2013 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.