A Coruña investirá 715.000 euros anuais na organización de actividades deportivas
O Concello da Coruña informa da adxudicación do contrato de xestión, mediante a modalidade de concesión, do servizo de actividades físicas e deportivas, un proxecto no que a Concellaría de Deportes investirá 714.989 euros anuais.
O Concello sacou a concurso este servizo mediante procedemento aberto, ao que se presentaron un total de sete ofertas. O proxecto forma parte da aposta do Goberno local por fomentar o deporte basee e súmase a outras iniciativas como o mantemento do prezo das tarifas das matrículas nas escolas deportivas e o aumento da diversidade de actividades, así como da súa calidade a través de controis de seguimento. De feito, a pesar do aumento de oferta doutras instalacións, a Concellaría de Deportes experimentou un incremento de case un 8% no número de matriculacións respecto de 2010, até un total de case 3.000 prazas ocupadas.
A empresa Amartya Servizos encargarase da xestión deste servizo durante o próximos catro anos, con posibilidade de prorrogar o acordo por dous exercicios máis. O Concello coruñés mellora deficiencias detectadas no prego do anterior concurso. Así, agora cóntase cun marco legal, defínense obxectivos para cada grupo e adóptanse novas denominacións para facelas máis atractivas. Ademais, regúlase a atención á discapacidade e inclusión social cunha convocatoria pública a entidades que desexen integrar as súas actividades físico-deportivas nas Escolas Deportivas Municipais.
Todas as actividades físico-deportivas a realizar nas Escolas Deportivas Municipais clasificaranse en función do público ao que van dirixidas:
1. A actividade física como atención á discapacidade e inclusión social.
2. Escolas de Iniciación Deportiva:
– EducaDeporte: dirixido a alumnos desde os 3 até os 7 anos, co obxectivo de desenvolver as bases psicomotrices para a educación física dos menores, así como as habilidades e destrezas do seu movemento.
– MiniDeporte: dirixido a nenos de 8 e 9 anos, etapa na que se pretende a aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades xenéricas nos alumnos.
– Deporte: dirixido a alumnos de 10 anos en diante, etapa na que se pretende o inicio e afianzamento na aprendizaxe de habilidades específicas dun determinado deporte.
– Programa de Natación Escolar: dirixido a escolares de até 9 anos que se inician na natación. Inclúe o servizo de transporte, acompañantes, coidadores e profesorado.
3. Escolas de Actividade Física para Adultos:
– Alumnos entre os 18 e os 65 anos: os obxectivos fundamentais da oferta da actividade física para adultos é crear os hábitos necesarios para cumprir coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) para esta franxa de idade.
– Alumnos maiores de 65 anos. Os obxectivos fundamentais da oferta de actividade física para estes adultos tamén é crear os hábitos necesarios para cumprir coas recomendacións da OMS para esta franxa de idade.











