A Coruña acolle o I Torneo de Pádel Solidario a favor da Federación Galega de Dano Cerebral
Os próximos sábado 21 e domingo 22 de decembro as persoas amantes do pádel teñen unha cita solidaria nas instalacións do A1 Sport Wellness, na Coruña, para xogar o I Torneo de Pádel Solidario con FEGADACE organizado por Aventi.
A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), constituída polas cinco asociacións existentes en Galicia (Adaceco na Coruña, Adace-Lugo en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago), persegue a defensa dos intereses e a mellora da calidade de vida dos galegos e galegas con dano cerebral adquirido e dos seus familiares.
Ademais, coa realización deste Torneo preténdese sensibilizar á sociedade en xeral con respecto ao alcance e á dimensión da problemática desta discapacidade.
Numerosas parellas participarán neste Torneo no que poderán inscribirse todas as persoas que o desexen en dúas categorías: iniciación e amateur, gozando as parellas gañadoras de trofeos e premios, así como dun welcome pack para todos os participantes. Celebrarase tamén un Sorteo Especial de Nadal entre todas as persoas asistentes.
A recadación obtida será entregada á institución defensora dos dereitos das persoas con dano cerebral adquirido, que leva realizando durante anos un gran labor, mediante o desenvolvemento de programas asistenciais e a través do fomento de recursos e servizos que cubran as necesidades das persoas con esta discapacidade desde a fase inicial ata a súa plena integración.
Numerosas empresas sumáronse a esta acción solidaria como entidades colaboradoras: Decathlon, Vegalsa, Cabreiroa, Dxt Campión, Gadis, Meliá María Pita, Tryp Coruña, Sandra Sanjurjo Interiorista, Mamá Dolores, O faiado dos trasnos, Fimsbury, Descalza por el parque e A1 Sport Wellness.
Unhas xornadas especiais nas que o deporte se converte, unha vez máis, en solidariedade. As inscricións poden realizarse en www.aventi.es, nas instalacións de A1 Sport Wellness (A Grela – A Coruña) ou en www.mistorneosonline.es.