publicidade hoxe

A construción da nova depuradora de Ourense triplicará a capacidade de tratamento da actual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+
Hernández na visita á Edar de Reza

Hernández na visita á Edar de Reza

A colaboración e coordinación en materia de xestión hidráulica entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente tradúcese nunha capacidade de investimento de 430 millóns de euros en actuacións de infraestrutura hidráulica na Comunidade galega, dos cales a Xunta aporta case 140 millóns. Na provincia de Ourense, o investimento conxunto de ambas administracións suma 65,5 millóns de euros en tres actuacións: a Edar de Reza, a mellora do saneamento de Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas e a mellora da Edar do Barco.

Así o lembrou hoxe o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, quen visitou –xunto co delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez- as obras da Edar de Reza, recentemente iniciadas no Concello de Ourense, para as que o seu departamento realiza unha achega económica de máis de 10 millóns de euros, nun orzamento total de acada os 59,3 millóns, e que é un exemplo da política de colaboración que ambas administracións manteñen.

Outras actuacións que se están a desenvolver en Galicia baixo esta fórmula son a mellora e ampliación do sistema de abastecemento de auga de Monforte de Lemos, que supón unha inversión de 6,2 millóns de euros, dos que a Xunta cofinancia 2,5 millóns de euros, e que estará en servizo a principios de 2014; a depuradora de Vigo, que Administración autonómica e estatal executan en colaboración cun investimento de case 230 millóns de euros; e a nova depuradora do Concello de Santiago, á que se destinan preto de 60 millóns de euros.

Por último, engadiu que a Xunta ten en execución outras dez estacións depuradoras que suporán unha mellora do servizo directo para máis de 700.000 galegos e permitirán cumprir a lexislación europea.

Edar de Reza

O conselleiro de Medio Ambiente recordou que esta infraestrutura hidráulica está enmarcada nun protocolo xeral de colaboración entre Goberno de España e Xunta de Galicia para o Plan Nacional de Calidade das Augas. Trátase dunha actuación declarada de Interese Xeral do Estado polo Plan Hidrolóxico Nacional.

A nova estación depuradora multiplicará por tres o caudal medio que é capaz de tratar, ao pasar dos 285 l/s da EDAR actual aos 835 l/s da nova. Cabe engadir que terá capacidade para 350.000 habitantes equivalentes fronte aos 120.000 da existente.

A nova EDAR se sitúa na parroquia de Reza, nunha parcela anexa á depuradora existente. As novas instalacións permitirán un menor consumo enerxético e de reactivos e redución de biosólidos producidos, das emisións de olores e do volume de aire a desodorizar, así como a valorización de lodos pola súa aplicación agrícola. No que se refire a instalacións, cabe destacar: espesador de lodos primarios, flotador de lodos, gasómetro, edificio de proceso de lodos, edificio de tratamento de sobrenadantes, tratamento terciario ou edificio de control.

Estes traballos tamén contemplan a demolición da actual EDAR co fin de solucionar problemas estruturais e operativos e a falta de capacidade de tratamento. Tamén se levará a cabo a construción de colectores e a restauración ambiental de zonas afectadas.

13 de decembro de 2013 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.