A Confraría de Cambados recibirá 147.000 euros para mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o porto de Tragove en Cambados, acompañado polo alcalde da localidade, Luis Aragunde, e o presidente desta confraría, Benito González. Durante a visita, o responsable da Delegación Territorial aproveitou para anunciar que Cambados recibirá algo máis de 147.000 euros para a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros e para a xestión e vixiancia.

Deste xeito, segundo recordou o delegado territorial, a Consellería do Medio Rural e do Mar destinará 545.000 euros na provincia de Pontevedra á mellora da produtividade dos bancos marisqueiros con perda de produción. Esta liña de axudas destínase a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración, co fin de contribuír de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.

Desta cantidade, 340.000 euros destinaranse a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros nas diferentes confrarías da comarca de O Salnés. En Cambados, a confraría levará a cabo, grazas a estas axudas, a rexeneración do banco marisqueiro da zona de Meloxo.

Tal e como recordou Cores Tourís, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicou no Diario Oficial de Galicia, a comezos deste mes a resolución das axudas a través das cales preténdese incrementar as zonas de produción, dinamizar as zonas costeiras e crear máis postos de traballo nas diferentes áreas do litoral galego. A contía das axudas atópase cofinanciada polo Fondo Europeo da Pesca nun 75 %.

Os beneficiarios destas subvencións son as entidades do sector pesqueiro coma confrarías, organización de produtores, cooperativas do mar ou asociacións de profesionais do sector que teñan a súa sede social en Galicia.

Nos proxectos, as confrarías deberon explicar os obxectivos que se perseguen con estes traballos e conter unha descrición das accións que se pretendían emprender, cun calendario de realización e melloras esperadas con cada unha delas e con referencia expresa ás previsións de creación ou consolidación de emprego. Ademais, debían incluír un proxecto técnico que permita determinar a viabilidade do proxecto e o plano de localización das accións previstas.

Convenios de xestión e conservación

Por outro lado, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, tamén quixo facer referencia durante a súa visita a Cambados da concesión dos convenios de colaboración para a xestión e conservación de zonas de produción e vixilancia, “que se están a informar nestes días as diferentes confrarías”.

Neste senso, destacou que a cantidade destinada dende a Consellería de Medio Rural e do Mar a este fin roldará en Galicia os 3,2 millóns de euros, correspondendo á provincia de Pontevedra 1,5 millóns. “A comarca de O Salnés recibirá algo máis de 709.000 euros, dos cales, Cambados percibirá 124.690 euros”, concluíu Cores Tourís destacando que esta cantidade será destinada a asistencia técnica e a contratación de sete vixiantes durante 12 meses.

Por outra banda, durante a súa visita, o delegado territorial puido comprobar o aumento do traballo na lonxa de Cambados a raíz da campaña de Nadal e, en especial, en relación a venda de vieira. De feito, segundo informaron a Cores Tourís, nestes intres estanse a distribuir 15.000 unidades de viaiera diariamente, sector para o que están a traballar 41 barcos e case 200 persoas. “Non podemos olvidar que o sector do mar en Cambados é a primeira empresa deste municipio e que case 800 persoas dependen dela”, explicou, pola súa banda, Benito González.

23 de decembro de 2013 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.