A concentración parcelaria de San Xoán de Calo, en Teo, finaliza a entrega de títulos de propiedade
A concentración parcelaria de San Xoán de Calo remata coa entrega dos títulos de propiedade o próximo mércores 18 de decembro. Segundo informa a Consellería de Medio Rural ó Concello de Teo convócase a todos os propietarios afectados á entrega das escrituras no pavillón de Calo.
O local abrirase ás 10:00 horas aínda que o acto propiamente dito comezará ás 11:00 horas. O persoal da concentración parcelaria farase entre as 11:00 e as 13:30 horas e de 17:00 a 19:00 horas. As persoas que recollan os títulos deberán presentar o seu DNI e unha autorización se non son os propietarios.
Segundo informa Medio Rural os títulos de propiedade que non sexan recollidos o día 18 estarán á disposición dos interesados, dende o día seguinte, na Xefatura de Servizo de Infraestruturas Agrarias (edificio administrativo de Monelos, 6º andar, na rúa Vicente Ferrer número 2 da Coruña).
A entrega das escrituras ponlle fin a un proceso que comezou no ano 1991 e que concentrou unha superficie de 1.033 hectáreas. Segundo os datos da Xunta este proxecto permitiu ós 1.662 propietarios da zona reducir o número de parcelas dende as 10.844 iniciais ás 2.663 fincas resultantes e alcanzar unha superficie media de 2.787 metros cadrados.











