A comarca de Ferrol aproba un orzamento de medio millón de euros para a anualidade de 2014
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu hoxe unha nova sesión ordinaria do organismo supramunicipal en que os rexedores aprobaron os orzamentos para o vindeiro exercicio de 2014, cuxo montante global ascende a un total de 500.655,56 euros. Deste xeito, a contía do documento económico da Mancomunidade para a vindeira anualidade supón un incremento de case 100.000 euros con respecto ao orzamento de 2013, que foi de 407.500 euros.
As principais partidas económicas do Orzamento de 2014 destínanse a cubrir servizos mancomunados xa en marcha como o de recollida de refugallos voluminosos e o refuxio de animais de Mougá, así como os programas integrados de emprego; o de deporte inclusivo e o de apoio a emprendedores. O primeiro destes programas conta coa colaboración económica da Consellería de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia, mentres que os outros dous están financiados en parte pola Deputación Provincial da Coruña.
Noutra orde de asuntos, os alcaldes de Mancomunidade acordaron solicitar dúas liñas de subvención á Deputación da Coruña. A primeira, para actividades de Deporte Adaptado a Persoas con Diversidade Funcional (50.000 euros) e para o financiamento do transporte adaptado aos participantes nas mesmas (40.000 euros); e a segundo liña céntrase no ámbito económico e consiste na elaboración e desenvolvemento dun plan estratéxico de coordinación entre servizos de emprego dos Concellos e entidades da comarca (50.000 euros).