A Casa da Cultura de Brión acollerá 5 proxeccións de cinema árabe do Festival Amal 2013
A sala de exposicións da Casa da Cultura de Brión acollerá cinco proxeccións de cinema árabe incluídas dentro ciclo de cine Amal, organizado polo Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal da Fundación Araguaney e que conta coa colaboración do Concello de Brión. Os pases terán lugar o luns 16, o martes 17 e o mércores 18 de decembro, ás 20:00 horas. A asistencia é libre e de balde.
O ciclo abrirase o luns 16 de decembro coa proxección do documental “Le thé ou l´électricité”, unha coprodución Marruecos-Bélxica dirixida por Jérôme le Maire. O documental é a historia épica da chegada da electricidade a un pobo aillado no corazón do Alto Atlas marroquí e como supón a modernización dese pequeno pobo.
O martes 17 de decembro proxectarase a película de ficción “Rabat”, de Jim Taihuttu e Victor Ponten. Trátase dun filme que conta o periplo por estrada de tres amigos (Nadir, Abdel e Zakaria) cando un deles recibe a encarga de levar un vello taxi dende Amsterdam a Rabat. Unha viaxe que conducirá aos tres amigos por un Europa, pasando por España, ata a capital marroquí.
Curtametraxes
Finalmente, o mércores 18 de decembro proxectaranse a curtametraxe “Ensemble” e os documentais “Bromas aparte” e “EID”. “Ensemble” gañou o Premio Amal 2012 á mellor curtametraxe de ficción. Dirixida por Mohamed Fekrane, conta en 17 minutos a historia real dun neno xudeu que escapa dos nazis e se refuxia na Gran Mezquita de París, amosando a cooperación xurdida entre a cultura musulmá e xudía no contexto do holocausto nazi.
“Bromas aparte” é unha coprodución entre Francia e Palestina dirixida por Vanessa Rousselot, que busca o humor en Cisjordania. Chistes, comentarios políticos burlóns e anécdotas do cotiá, somerxerán ao espectador nun dos conflitos máis complexos da actualidade, onde tamén existe un espazo para as bromas.
Por último, “EID” é unha curtametraxe documental de 9 minutos dirixida por Saaheb Collective e que conta a historia de Eid Suliman, un artesán do plástico que vive en Palestina baixo a ocupación israelí, onde se dedica á fabricación de obxectos con pezas que os demais considerarían lixo.











