A capela de San Xoán de Pousada acolleu un Belén con pezas de máis de cen anos de antigüidade

Belén exposto
O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, asistiron este sábado á inauguración do tradicional nacemento na capela de San Xoán de Pousada que organiza cada ano a Asociación Cultural San Xoanciño de Ames coa colaboración do Concello de Ames.
O nacemento, que estará exposto ata o 11 de xaneiro, foi presentado á veciñanza de Ames o sábado. Este nacemento está composto por figuras de gran antigüidade xa que teñen máis de 100 anos. O nacemento poderá visitarse os días 21, 22, 28, 29 de decembro e os días 4, 5 e 11 de xaneiro, en horario de 16:00 h a 18:00 horas.
A capela de San Xoán de Pousada acolle novamente un nacemento de Nadal. A Asociación Cultural San Xoanciño de Ames leva varios anos mantendo esta tradición que antigamente e durante moitos anos realizaron os propios veciños da parroquia. O acto de inauguración comezou ás 16:30 horas cunha misa cantada na que actuaron as corais de Ames e Piñeiro. Despois do acto litúrxico actuou o grupo de padereteiras As Maianas.
As figuras deste nacemento teñen máis de cen anos de antigüidade, e tiveron que ser restauradas hai varios anos para evitar o seu deterioro, malia ter un bo nivel de conservación. Durante o ano permanecen gardadas na propia capela que data do ano 1607. O nacemento ten arredor de 100 figuras. As figuras máis antigas son as dos Reis Magos e as que están dentro do portal de Belén (a virxe María, San Xosé, o neno Xesús…). Nunha homenaxe aos lugares da zona, hai unha ponte romana como a de Augapesada, muíños como os de Pousada e o curso do río que se asemella ao Val da Maía.
Novidades na montaxe do nacemento
Este ano hai varias novidades na montaxe do nacemento. Por unha banda, o Belén está montado en varias alturas para unha mellor disposición dos diferentes elementos que compoñen este nacemento. Ademais, nesta ocasión incluíronse varias peza novas como un vendedor e unha vendedora de castañas. Tamén hai máis zonas verdes e hortas. Así mesmo, dende a propia Asociación Cultural San Xoanciño indican que existen varias sorpresas, pero para coñecelas haberá que acudir en persoa a ver este Belén.
O nacemento poderá visitarse os días 21, 22, 28, 29 de decembro e os días 4, 5 e 11 de xaneiro, en horario de 16:00 h a 18:00 horas. Aquelas persoas que non poidan asistir estes días e queiran ver o nacemento, teñen que chamar ao número de teléfono 649 101 514 para concertar un día e unha hora de visita determinado co fin de que a capela estea aberta.
Dende a Asociación Cultural San Xoanciño de Ames animan a toda a veciñanza amiense a que pasen pola Capela de San Xoán de Pousada para ver o Belén máis grande e antigo que se organiza no termo municipal de Ames. Ademais agradecen a colaboración do Concello de Ames por organizar o acto do pasado sábado a través do cal se pretendeu dar a coñecer este nacemento a toda a veciñanza amiense.











