publicidade hoxe

A Cañiza celebra o último pleno do ano coa aprobación do orzamento para 2014 por un importe de 3.879.388,00 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Cañiza
A-
A+

Ás 9h00 da mañá celebrouse o último pleno ordinario do ano que comezou coa aprobación inicial do orzamento para a próxima anualidade por un importe de 3.879.388,00 € e que contou cos votos a favor do equipo de goberno, a abstención da formación independente ACCA e os votos en contra do PSOE. No entanto púidose aprobar por maioría absoluta.

Destacar que tamén se aprobou definitivamente e por unanimidade o proxecto de expropiación para a execución da obra do paseo na canle do Regueiro, situado en pleno centro urbano e da relación individualizada de bens, dereitos e propietarios afectados.  A execución dunha parte desta obra xa comezou  hai uns días por parte do persoal do 1º Obradoiro de emprego da Cañiza, quen dirixidos polo equipo de docentes están a intervir na zona para desposuíla de maleza e limpando a zona do lavadoiro, un dos mellores conservados en pleno centro urbano.

Tamén por unanimidade aprobouse inicialmente o proxecto de expropiación para a obtención dos terreos no ámbito do antigo mercado do gando da Cañiza, que no seu día permitirá que os pequenos empresarios e autónomos da Cañiza poidan adquirir este chan industrial a un prezo alcanzable para desenvolver as súas respectivas actividades empresariais sen ter que facer un gran esforzo económico. Con estas medidas a Alcaldía  pretende impulsar de novo as pequenas iniciativas empresariais  dando as maiores facilidades á hora de conseguir chan industrial a baixo custo.

Pero quizais un dos puntos máis importantes desta última sesión do ano foi a ratificación por parte de toda a Corporación Municipal da Resolución de Alcaldía de data 02/12/2013 pola cal se presentaron ante a Confederación Hidrográfica Miño- Sil as alegacións en contra  do expediente de aproveitamento de auga a derivar do Río Calvo para a traída de augas da localidade de Arbo. A Corporación mostrou a súa total oposición á captación deste caudal por considerar que afectará gravemente á parroquia, sobre todo en época estival e por considerar ademais que o Concello de Arbo dispón doutras medidas e outros recursos hidrológicos alternativos no seu propio termo municipal sen ter que subir augas arriba para realizar estas captacións. O Alcalde deu conta no Pleno de todas as medidas realizadas desde a Alcaldía ante os diferentes organismos e administracións incursos neste expediente e en contra de autorizar a captación.

Na orde do día propúxose ademais a adhesión ao programa da Deputación Provincial para a Mellora da Eficiencia Enerxética en calefacción e auga quente sanitaria AQS en instalacións municipais e aprobouse a ordenanza fiscal reguladora da taxa para a utilización de espazos municipais para a inserción de publicidade.

20 de decembro de 2013 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.