A Cañiza acolle as xornadas formativas “Rede-emprende en Igualdade”
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta emprenden este programa na Cañiza orientado á busca de traballo.
As xornadas de 20 horas de duración comezaron onte con 12 alumnas na Aula Cemit da Casa de Cultura e ten como obxectivo a formación e apoio ás mulleres potencialmente emprendedoras para axudalas na posta en marcha e modernización das súas empresas e na busca de emprego, cara a fomentar a súa adaptabilidade e competitividade no mercado actual. Outro dos obxectivos do programa é crear unha rede de intercambio de experiencias.
O autoemprego é unha alternativa particularmente interesante neste momento no que son maiores as dificultades para atopar emprego asalariado. Así mesmo, a definitiva incorporación e participación en igualdade das mulleres no mercado laboral precisa de medidas que favorezan a súa formación e estimulen ás mulleres a materializar as súas ideas empresariais e a busca de emprego, apoiándose en medidas que acaden a súa propia promoción e contribúan á creación de postos de traballo.
Iniciación a Internet e Redes sociais, novas tecnoloxías e emprendemento, novas tecnoloxía e busca de emprego e redes e transposición de experiencias serán algúns dos contidos que se impartirán no curso.