A campaña vilagarcián de limpeza prosegue nas rúas da contorna de San Roque e principio das Carolinas
O Concello inicia mañá unha nova quenda da campaña intensiva de limpeza de rúas consistente no lavado de beirarrúas, calzadas, zonas de estacionamento e contedores de lixo. Os traballos centraranse na xornada do mércores nas rúas comprendidas entre a zona de San Roque e o primeiro tramo da avenida das Carolinas.
Lémbrase a veciños e condutores que os aparcamentos deberán quedar libres de madrugada nas rúas nas que se actuará a partir das 7 da mañá, xa de doutro xeito a limpeza non se podería realizar de maneira efectiva. Os estacionamentos iranse reabrindo a medida que vaian pasando as máquinas para que se poidan volver a utilizar coa maior brevidade. Maila isto, prégase a maior colaboración dos cidadáns.
As rúas afectadas mañá serán, entre as 7 e as 10 da mañá a Travesía das Carolinas (calexa do supermercados Lidl e Día), a Urbanización San Roque e a Rúa o Pino. A continuación, entre as 10 e as 13 horas, as máquinas pasarán a limpar a avenida das Carolinas (confluencia Ramón Cabanillas con Luz Salgada), o Paseo Ricardo Caamaño e A Florida.











