publicidade hoxe

A campaña “En Reis, ningún neno/a sen agasallo” de Oroso recada un 25% máis ca en 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

A campaña “En Reis, ningún neno/a sen agasallo”, posta en marcha polo Concello de Oroso para que todos os nenos e nenas das familias máis vulnerables do municipio poidan disfrutar dun agasallo o día de Reis, recadou un 25% máis ca na primeira edición de 2013. Unha iniciativa na que contou coa total e desinteresada colaboración de practicamente a totalidade dos establecementos comerciais do municipio, que durante ao último mes albergaron nos seus locais unhas huchas que recolleron os donativos dos seus clientes.

Dúas das principais promotoras da campaña e quen elaboraron as propias huchas, Purificación Álvarez Liste (da librería “Refoxos”) e Josefina Seoane Gómez (da librería “Aula 10”) fixeron entrega esta mañá das doazóns recollidas ao concelleiro de Servizos Sociais, Antonio Leira. O concelleiro agradeceu “a gran colaboración dos veciños e veciñas de Oroso e a gran implicación dos comerciantes do municipio, pois fixeron que incrementaramos significativamente os cartos recollidos con respecto á campaña do ano pasado”. Unha campaña que contou coa colaboración directa de 85 establecementos comerciais de todo o municipio.

Agora, cos cartos recollidos, o Concello de Oroso mercará agasallos para os nenos e nenas daquelas familias máis necesitadas do municipio. Uns agasallos que estas familias poderán recoller dun xeito totalmente discreto durante as próximas semanas nos Servizos Sociais municipais, de xeito que poderán ser recibidos polos pequenos o Día de Reis.

19 de decembro de 2013 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.