A campaña ‘Calidade Divina’ promocionará os mercados municipais da Coruña e o consumo de calidade
A tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, presentou esta mañá a campaña de dinamización dos mercados Calidade Divina que se desenvolverá desde hoxe e até o próximo 28 de decembro en todas as prazas de abasto da cidade para promocionar os seus produtos e atraer máis clientes aos mercados coruñeses.
Incentivar o consumo san e responsable, incidindo na calidade e excelencia dos produtos das prazas, incrementar a frecuencia de compra e fidelizar son outros obxectivos da campaña, para cuxa difusión se repartirán 15.000 folletos, 500 carteis e distribuiranse nas prazas de abastos un total de 10.000 euros en premios a través de 100.000 rascas e gana que entregarán os placeiros por cada compra mínima de 10 euros en calquera do oito mercados municipais.
En total, entregaranse 400 premios distribuídos da seguinte forma:
– 100 premios de 10 euros.
– 200 premios de 20 euros.
– 100 premios de 50 euros.
Estes vales de compra (o importe premiado darase en vales de cinco euros) poderán ser utilizados até o último día da campaña, o 28 de decembro, nos máis de 400 postos das prazas de abasto coruñesas e trocaranse nos puntos de distribución habilitados para a ocasión nos mercados.
O Concello pon en marcha esta campaña tras o éxito da realizada o pasado ano, que tamén se lanzou baixo a lema Calidade Divina, e onde o nivel medio de satisfacción dos placeiros foi do 8,4. Luisa Cid confiou en que a campaña, que se desenvolve nas datas do Nadal, contribúa a fomentar o consumo nunha época moi importante do ano á vez que se premia ás familias e aos consumidores das prazas.
A concelleira lembrou que o Goberno local aposta firmemente polos mercados tradicionais non só realizando melloras nas instalacións senón tamén coa incorporación das novas tecnoloxías, aspecto fundamental para introducir a innovación nas prazas e atraer ás súas instalacións a un público de todas as idades.
A implantación gratuíta da rede wifi é unha das últimas novidades incluídas neste plan de modernización impulsado polo Concello. “É fundamental para dinamizar os mercados”, subliñou Luisa Cid, quen insistiu na necesidade de incentivar o consumo de produtos das prazas coruñesas porque destacan pola súa calidade e excelencia.











