A Cabalgata de Papá Noel en Cedeira percorrerá as principais rúas do casco urbano
Papá Noel visitará a vila de Cedeira mañá martes, 24 de decembro, unhas horas antes de iniciar o reparto de agasallos polas casas de todo o mundo. Cargado con milleiros de caramelos, chegará na súa carroza á estación de autobuses do municipio en torno ás seis da tarde e, dende alí, comezará un percorrido polas principais rúas da vila. Coa música das panxoliñas de fondo, o itinerario levaráo pola Avenida de Castelao, ponte vella, rúa Ezequiel López, ponte nova… ata chegar á Praza do Sagrado Corazón. Neste punto, ocupará o seu trono para recoller as cartas e atender as peticións de agasallos dos nenos e non tan nenos.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil organiza a Cabalgata por segundo ano consecutivo coa colaboración do Concello, e ambos invitan a todos os nenos e nenas a acudir coas súas familias a esta cita tan especial con Papá Noel. En caso de que a choiva imposibilite o percorrido, Papá Noel atenderá aos nenos no pavillón polideportivo.