A Biblioteca de Vilagarcía recibe o Premio María Moliner polo que recibe 181 exemplares, un e-book, libros dixitais e subscricións a 5 revistas
A Biblioteca Rosalía de Castro engadiu esta semana aos seus fondos o material do Premio María Moliner co que o Ministerio de Cultura, Educación e Deporte recoñeceu as iniciativas que o centro municipal leva a cabo ao longo do ano a través da súa Campaña de Dinamización á Lectura dirixida aos usuarios de menor idade. O premio consiste nun lote de case 200 libros en formato papel e dixital, un dispositivo electrónico de lectura e unha subscrición anual a cinco revistas.
O material co que está dotado este premio de ámbito nacional consiste en 181 libros en formato papel, todos eles para a sección infantil e xuvenil da Biblioteca de Rei Daviña e das axebcias de lectura de Vilaxoán, Carril e Bamio, de aí que haia exemplares adaptados a diferentes grupos de idades, dende bebés, a preescolares, a nenos que comezan a ler, libros infantís e xuvenís. A estes hai que engadir outros dez libros en formato dixital que se poden ler a través do dispositivo electrónico de lectura ou e-book co que tamén está dotado o premio e que se ven a sumar aos outros cos que xa contaba a Biblioteca Rosalía de Castro. Por último, o premio tamén concede ao centro municipal unha subscrición anual a cinco revistas especializadas en temas como a música, arte, historia, literatura e pensamento político.
A programación de animación á lectura que realiza anualmente a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro volveu a ser ser recoñecida polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte cun dos Premios María Moliner. Este galardón súmase aos que o o centro recibiu durante os últimos anos no marco desta mesma campaña estatal na que participan as bibliotecas públicas de municipios de toda España.
O proxecto de dinamización e animación á lectura que leva a cabo a Biblioteca de Vilagarcía diríxese ao público infantil e xuvenil. O centro cunha sección infantil diferenciada na que, aparte de ofertar os servizos propios de consulta e préstamo, dispón dun espazo propio con mobiliario específico para os cativos, como colchóns, puf e cadeiras e mesas adaptadas a súa altura para que os nenos e nenas teñan todas as comodidades á hora de ler ou ollar os libros e demais material dispoñible no centro. Aparte diso, ao longo de todo o ano a Biblioteca organiza diversas actividades de animación á lectura e de contacto coa literatura a efectos de educar aos futuros lectores. Tamén se organizan visitas guiadas nas que nenos e nenas aprenden a utilizar ós servizos da Biblioteca. Contacontos, premios aos mellores lectores/usuarios, actividades conmemorativas do Día do Libro, do Día das Letras Galegas, exposicións conmemorativas de Rosalía de Castro, participación na Mostra do libro infantil e xuvenil “Lectoriño”, son algunhas das actividades que se inclúen no proxecto premiado polo Ministerio.