A biblioteca de Vilagarcía elabora unha guía infantil e xuvenil de lectura para o Nadal
A Biblioteca Municipal Rosalía de Castro elaborou unha guía de lectura para o Nadal. A publicación recolle as obras da sección infantil e xuvenil do centro que teñen temática relacionada con esta época do ano con vistas a que os máis pequenos poidan aproveitar as vacacións e gozar das festas tamén a través da lectura dun libro. A guía tamén inclúe unha lista cos audiovisuais navideños que a Biblioteca pon a disposición dos seus usuarios máis novos.
A guía que leva por título: “Libros para o Nadal” recolle máis de 40 títulos, clásicos e actuais, distribuídos por grupos de idades: Prelectores. primeiros lectores, a partir de 9 anos e partir de 12 anos. Entre estas recomendacións atópanse contos para os máis cativos, como “Bruno quiere un regalo de Navidad, de Schuurmans; “Derradeira Carta aos Reis Magos”, de Fina Casalderrey ou “El árbol de Navidad”, de Andersen; e tamén outros para lectores máis avanzados como “Las cartas de Papa Noel” de J.R.R. Tolkien, “¡Es Navidad Stilton!”, da serie de Genónimo Stilton ou “Cuento de Navidad” de Dickens ou cos “Contos de Nadal” de Manuel Rivas.
Así mesmo, a guía recolle tamén material audiovisual da sección infantil como películas en DVD de Dysney, Bob Esponja, Dora Exploradora e moitas máis.
As guías pódense recoller na Biblioteca e nas Axencias de Lectura e tamén se enviarán aos colexios. Ademais, a Biblioteca realizaranse nos vindeiros días tarxetas de felicitación de Nadal cos nenos e nenas que acudan á sección infantil.
Por outra banda, o centro da Rua Rey Daviña tamén repartirá nestes días marcapáxinas con información útil para os usuarios da Biblioteca, como a súa situación, horario e dirección da páxina web, con vistas a facilitar a consulta dos fondos da biblioteca a través de internet e dende calquera lugar.
Por último, o día 23 de decembro, ás 12 horas, vai ter lugar unha sesión de contacontos, organizada por Solidariedade Galega co Pobo Saharahui.











