A aula lúdica da Laracha amplía o seu horario polo Nadal
A aula lúdica municipal do Concello da Laracha ampliará o seu horario polo Nadal adaptándose, deste xeito, ás vacacións nos centros educativos. Desde o luns 23 de decembro e ata o venres 3 de xaneiro este servizo, que se ofrece no edificio de Servizos Múltiples da capital municipal da Laracha, estará dispoñible para os usuarios de luns a venres, tanto en horario de mañá como no de tarde, nove horas diarias, concretamente de 9.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas.
As únicas excepcións serán os festivos, nos que permanecerá pechada, e os días 24 e 31 de decembro, nos que o servizo se ofrecerá unicamente en horario de mañá.
Durante as festas de Nadal o persoal docente encargado da aula lúdica –que está especializado en educación infantil- organizará unha programación especial cunha serie de actividades moi relacionadas coas festas, incluíndo os exitosos contacontos que haberá todos os martes e venres de 12.00 a 14.00 horas.
A aula lúdica municipal da Laracha é un servizo municipal totalmente gratuíto dirixido a nenos de 3 a 12 anos de idade cuxa finalidade é facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais.
Para ser usuario é imprescindible reservar praza acudindo ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), situado no novo edificio administrativo. Os pais do nenos que xa teñen praza reservada e queiran facer uso da aula lúdica durante o Nadal pola tarde, tamén deben poñerse en contacto co CIM.











