A Asociación de Veciños de Solobeira interesarse pola posta en marcha da parcelaria na reunión con Cores Tourís

Cores Tourís na reunión coa asociación veciñal
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu esta mañá aos representantes da asociación de veciños de Solobeira, O Sixto, de Vilagarcía, que acudiron ata a cidade do Lérez para interesarse pola posta en marcha da concentración parcelaria nesta parroquia.
Na reunión estiveron presentes o xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, así como o presidente da asociación, Eduardo Viñas, e o vicepresidente, José Luis Fandiño. Tamén asistiu o xefe do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julián Alvira.
No encontro analizouse a solicitude dos veciños desta parroquia de Vilagarcía que piden que se axilicen os trámites para a posta en marcha da concentración parcelaria. “Para nós é vital”, asegurou Eduardo Viñas, “porque hai moita finca pequena e sería moi positivo poder contar con terreos de maior extensión que fagan máis viables as explotacións”. Ademais, segundo apuntou José Luis Fandiño, “atopámonos entre dúas parcelarias, a de Tremoedo e a de Baión, e nós quedamos alí, illados”.
Tal e como aseguraban ambos representantes veciñais, “a parcelaria non só significa unha mellora para a parroquia en relación á dinamización económica e produtiva das parcelas, de cara a produción de horta e viña, senón tamén é unha grande vía de comunicación”, en relación á rede de camiños que acompaña o desenvolvemento das concentracións.
A superficie a concentrar superaría as 100 hectáreas e os propietarios beneficiados roldaría os 200.
O delegado territorial trasladoulles o interese da administración autonómica pola axilización da tramitación para a posta en marcha desta parcelaria e asegurou que os técnicos acudirán ata Solobeira nos próximos meses para manter un encontro cos veciños e darlle traslado dos avances que se vaian conseguindo.
Nestes intres, a Consellería de Medio Rural e do Mar está a desenvolver na comarca do Salnés as concentracións parcelarias de Godos, Baión, Meis, Ribadumia-Lois, Tremoedo e Oubiña.











