publicidade hoxe

63 persoas participaron nos distintos talleres de “Ferrol en familia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, fixo balance dos diferentes talleres realizados ao abeiro do programa de reforzo Ferrol en Familia enmarcado no “Plan de Oportunidades e de Familia, Infancia e Adolescencia” posto en marcha polo Goberno Municipal que preside Jose Manuel Rey Varela. Este proxecto, integrado por diferentes programas e que comezou o pasado 1 de setembro, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos menores e familias, especialmente de aqueles que se atopan en situación de dificultade social.

Un total de 12 usuarios das Unidades Básicas de Traballadores Sociais da Administración municipal (UBTS) participaron no mes de outubro na primeira edición do taller de economía doméstica “Euro con control”. Así e coa valoración das catro UBTS do Concello de Ferrol, foi realizada unha nova edición deste obradoiro de economía doméstica debido á demanda de usuarios. Un total de 19 persoas -todas beneficiarias do RISGA- realizaron na Casa Solidaria, entre os días 20 e 27 de novembro e 4 e 11 de decembro, a segunda edición de “Euro con control”, onde puideron adquirir coñecementos básicos de economía doméstica ou mellorar a  situación económica persoal mediante o control de gastos, aforros e realización dun presuposto.

Por outra banda, o taller “Desenvolvemento das habilidades sociais básicas” tivo unha participación total de 11 persoas, das cales dez son perceptores do RISGA. Este obradoiro de habilidades sociais, cunha duración de tres horas, foi realizado en dúas sesións os días 22 e 29 de novembro. A través deste curso se traballa principalmente as habilidades sociais -como a empatía, asertividade ou a escoita activa- permitindo acadar e utilizar habilidades sociais básicas na vida diaria, asertivas, de conversación e adquirir un bo autocoñecemento.

Escola de pais e nais e apoio aos menores

Outro dos programas integrados en Ferrol en Familia é o da “Escola de Pais e Nais”. Este curso tivo unha duración de 12 horas e estivo dividido en seis sesións (14, 21 e 28 de novembro e 5, 12 e 19 de decembro). Un total de 16 persoas, todas elas beneficiarias do RISGA, formaron parte desta escola que busca propiciar espazos de reflexión sobre situacións cotiás e sobre criterios básicos de funcionamento do grupo familiar.

Ademais, o programa “Apoio Socio – Educativo aos nosos menores” permitiu a un total de cinco menores, con idades comprendidas entre os oito e dez anos, ser beneficiarios desta acción que pretende apoiar aos menores no cumprimento das súas tarefas escolares, facilitar un lugar propicio para a realización das mesmas ou previr, paliar e reducir situación de crise en familias con necesidades ou dificultades, posibilitando así o desenvolvemento integral. Dito programa tivo lugar todos os martes de 17 a 19 horas, entre o 8 de outubro e o 10 de decembro, no local cedido pola Asociación de Veciño de Caranza onde tamén participaron tres voluntarias da Oficina Municipal de Voluntariado.

19 de decembro de 2013 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.