500 escolares ourensáns visitan a exposición “EnArbolar: Grandes árbores para a vida” no parque de Montealegre
Cincocentos escolares dos centros educativos da cidade participan no ciclo de visitas didácticas que organiza o Concello á exposición “EnArbolar: Grandes árbores para a vida”, que acolle o parque de Montealegre. Un total de 55 alumnos de 1º da ESO do colexio Carmelitas visitaron esta mañá a mostra, acompañados polo alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e a concelleira de Educación, Ana Garrido. O ciclo de visitas de escolares continuará ata o día 10 de decembro, cando rematará a mostra.
“EnArbolar: Grandes Árbores para a Vida” é unha exposición itinerante de ciencia, cultura, medio ambiente e arte adicada ao patrimonio arbóreo don noso país. Forma parte do proxecto LIFE+ EnArbolar da Fundación Félix Rodríguez de la Fuente, cofinanciado pola Unión Europea e a Deputación de Valencia.
A exposición permite realizar unha viaxe virtual polas árbores e bosques maduros máis destacados de Galicia e de España a través de diferentes paneis e audiovisuais. Ademáis, una arboreda de módulos expositivos axuda ao espectador a recoñecer e apreciar a importancia deste patrimonio natural como refuxio de flora e fauna ameazada.
A exposición componse tamén da obra do acuarelista Fernando Fueyo, que ilustra varios dos exemplares máis fermosos de España a través de retratos únicos de árbores singulares, e do debuxante valenciano Paco Roca, Premio Nacional de Cómic 2008, que elaborou catro ilustracións a gran formato dalgunhas delas. Tamén recolle imaxes de recoñecidos fotógrafos da natureza como Jorge Sierra, Juan Carlos Muñoz, José Díaz e Jonathan Díaz Marbá, que presentan a través da súa obra, a súa particular visión sobre a riqueza árborea española.