publicidade hoxe

50 comunicacións científicas sumáronse ao Crossroads of Europe-Congreso de Turismo Industrial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Os membros dos comités científico e organizador do Crossroads of Europe-Congreso Europeo de Turismo Industrial de Ferrol reuníronse entre onte e hoxe para ultimar os detalles do que será este importante evento internacional na cidade.

Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña e entidade que impulsou desde o primeiro momento a celebración destes eventos na cidade, participou esta mañá na recepción oficial celebrada no  Concello de Ferrol, onde se deron a coñecer os avances realizados ao redor dos congresos que se celebrarán no mes de xuño próximo. 

Durante a súa intervención, confirmou o interese que tanto a Deputación como o Concello e a Xunta teñen en que este evento reciba “o éxito que merece” e, por iso, confirmou o seu apoio e comprometeu a difusión do Congreso en todas as feiras e eventos aos que acuda a institución provincial a partir de agora.

Pola súa banda, os integrantes dos comités organizadores explicaron que ata o momento cursáronse xa medio centenar  de inscricións e recibíronse máis de 50 comunicacións científicas de persoas ou equipos de profesionais interesados en sumarse ao Congreso, o que, segundo os organizadores, é un éxito dado que aínda hai tempo para o peche do programa definitivo.

As comunicacións versan sobre diferentes asuntos de actualidade relacionados tanto co Turismo Industrial como con outras iniciativas que poidan supor unha alternativa ao turismo tradicional, xa que ese é precisamente o eixo sobre o que vira o Crossroads of Europe, que celebrará en Ferrol a súa terceira edición e que naceu como un encontro europeo no que estudar e promocionar diferentes modos de facer turismo a través de rutas culturais, etnográficas, relixiosas…

Ás xornadas de traballo celebradas estes días asistiu tamén unha representante da Comisión Europea, co fin de participar na redacción do programa definitivo do Congreso. Tras as reunións, asegurou que “regreso a Bruxelas moi tranquila e moi confiada de que todo vai saír perfectamente porque vin que Ferrol posúe unha materia prima única en Europa”. De igual modo, expresou a súa “satisfacción” ante a calidade dos relatorios e conferencias previstas.

En principio, fixáronse as liñas básicas sobre as que versarán os diferentes relatorios ou mesas redondas, que abordarán, entre outros asuntos, cuestións como “Turismo, transformacións industriais e cultura”, “Turismo Industrial do mar” ou “Patrimonio Industrial e Turismo: unha visión de futuro”. 

Estas serán ofrecidas por relatores relevantes procedentes dos principais mercados e institucións relacionadas co patrimonio industrial e cultural europeo que xa confirmaron a súa presenza no Congreso, ao que se estima que acudan máis de 300 persoas procedentes de todos os países da Unión Europea.

Catro sedes e numerosas rutas

Tamén se decidiron as sedes nas que se desenvolverán as diversas actividades, que estarán situadas no Teatro Jofre, Exponav, a Fundación CaixaGalicia e a Universidade, e debuxáronse algunhas das visitas turísticas nas que poderán participar todos os inscritos tanto no Crossroads of Europe como no Congreso Europeo de Turismo Industrial que se desenvolverá entre o 17 e o 20 de xuño.

Ademais da Ruta Naval, expuxéronse como posibles itinerarios a promocionar dentro da cidade As Meninas de Canido, o Barrio da Magdalena, a denominada Visita Torrentiana ou unha ruta a través do modernismo e outras arquitecturas de principios do século XX.

Pero non só a cidade será obxecto destes percorridos, xa que os integrantes dos comités organizadores traballan actualmente no deseño doutros itinerarios tanto na propia comarca como ao longo de toda a provincia coruñesa.

Así, a modo dun primeiro borrador, expúxose tamén a Ruta do Pan de Neda; un percorrido polo parque natural das Fragas do Eume; un tour ao longo de vilas mariñeiras como Betanzos, Pontedeume, Ares, Redes ou Mugardos; unha visita ás praias de Cariño, Cedeira, Ortigueira e O Barqueiro; ou unha ruta gastronómica con paradas no Mercado da Magdalena, a cooperativa do Val ou a Casa do Mel das Pontes.

Outras opcións que se ofertarán aos participantes neste sentido son a posibilidade de realizar un bautismo de surf nalgunha das praias salvaxes da comarca ou percorrer a pé algunha das etapas do Camiño Inglés.

Finalmente, tanto o presidente da Deputación como o alcalde da cidade mostraron o seu interese en que toda a cidade, e en maior medida sectores como o da hostalería, sexa partícipe na celebración duns eventos que, tal e como lembrou Diego Calvo, “converterán a Ferrol en capital europea do Turismo Industrial e reunirán aquí por centos de persoas que, seguro, levarán unha excelente imaxe da nosa oferta turística e do noso esforzo por converternos nun punto fundamental do turismo industrial en España”.

12 de decembro de 2013 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.