50 cativos participarán nas actividades gratuítas da Deputación de Lugo durante a ponte da Constitución
A Deputación oferta 50 prazas para participar nas actividades gratuítas que organiza o Centro de Interpretación Terras do Miño en Lugo e Rábade durante a ponte da Constitución. Os días 6, 7 e 8 de decembro en Lugo, os cativos realizarán xogos, interpretarán contos e participarán en obradoiros baseados no medio ambiente, no seu respecto e na importancia que ten a natureza e a súa conservación. As actividades do Centro de Interpretación na capital están dirixidas a rapaces de idades entre os 6 e os 12 anos, facilitando a conciliación da vida laboral e familiar e ensinando ós cativos como coidar o medio ambiente dunha forma divertida.
Os xogos centraranse no equilibrio natural cunha actividade titulada “Salvando ó mundo” na que os nenos coñecerán de maneira lúdica os problemas medioambientais de cada continente. Os contacontos insistirán na conservación da natureza e na transmisión de coñecementos entre xeracións e nos obradoiros os asistentes aprenderán a realizar agasallos e xoguetes con material de refugallo e construír unha depuradora de auga.
Na Casa das Ínsuas, en Rábade, celebrarase este venres unha “Xornada de construción e instalacións de caixas niño”, dirixida a persoas de todas as idades e na que os participantes construirán unha caixa niño para as aves da contorna que serán instaladas nas proximidades deste local para que aniñen paxaros, morcegos ou curuxas.
Todas as actividades son gratuítas e para inscribirse só é necesario cubrir un sinxelo formulario na web www.deputacionlugo.org ou chamar ó 982 22-78-12 onde tamén poden obter máis información sobre as actividades.