39 entidades de iniciativa social na provincia de Ourense contratarán 78 desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, destacou esta mañá o compromiso do Goberno galego coas entidades de iniciativa social. Recentemente a Consellería de Traballo e Benestar resolveu as axudas dos plans de cooperación para estes colectivos que, no caso da provincia de Ourense, recibirán máis de 1.200.000 euros para a contratación de 78 persoas sen emprego. Destas subvencións beneficiaranse un total de 39 entidades, entre elas Down Ourense.

Rogelio Martínez acompañado polo xefe territorial deste departamento autonómico, José Selas, visitou hoxe as instalacións deste colectivo, onde anunciou a resolución destas axudas, indicando que a cifra das subvencións varía segundo os proxectos presentados dende os 160.000 euros ata os case 6.000. Concretamente, Down Ourense contará con 53.000 euros para a contratación de 3 persoas, a través dos plans de cooperación. O delegado territorial resaltou que estas axudas supoñen unha “importante medida” de apoio para a empregabilidade.

Promoción autonomía persoal

A subvención de programas de cooperación financia o servizo de promoción da autonomía persoal, no que se inclúen un conxunto de programas e actividades que prestan unha atención integral ás persoas con discapacidade desde o momento do seu nacemento ata a idade adulta, partindo dunha intervención integral e individualizada. O seu obxectivo e lograr que as persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual sexan os protagonistas da súa propia vida potenciando a súa autonomía e toma de decisións.

As tres persoas que pode contratar esta asociación grazas a esta subvención son un formador-tutor de empresa, un axente de desenvolvemento social e un formador de formación ocupacional non regrada.

Na actualidade a Xunta de Galicia mantén unha estreita colaboración con Down Ourense. Así a Administración autonómica cofinancia el área de formación ao abeiro da Orde de 28 de maio de 2013 de subvención a entidades de iniciativa social para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social, cunha axuda de 10.000 euros. Ademais, esta asociación tamén conta cun plan integrado de emprego, concedido á Federación galega de institucións para a síndrome de Down , e no que o colectivo ourensán achega 11 participantes e comprometeuse a insertar a catro deles en empresas ordinarios.

Rogelio Martínez subliñou que o Goberno galego seguirá a traballar para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade como ferramenta clave de inclusión social. “Unha das nosas prioridades é a loita pola igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade”, apuntou.

O máximo representante do Executivo galego en Ourense lembrou que o departamento que dirixe Beatriz Mato inviste en toda Galicia 8,2 millóns de euros para a contratación de 500 persoas sen emprego por parte das 239 entidades de iniciativa social beneficiadas polas axudas dos plans de cooperación.

10 de decembro de 2013 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.