publicidade hoxe

34 entidades sociais de Vigo percibirán un investimento dun millón de euros para contratar a 66 desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, destacou esta mañá o compromiso do Goberno galego coas entidades de iniciativa social. Recentemente a Consellería de Traballo e Benestar resolveu as axudas dos plans de cooperación para estes colectivos que, no caso da área territorial de Vigo, recibirán máis de un millón de euros (concretamente 1.013.782 euros) para a contratación de 66 persoas sen emprego. Destas subvencións beneficiaranse un total de 34 entidades de iniciativa social, entre as que se atopan, por exemplo, Down Vigo, Menela, Ayuvi, Asodifisi, Aspavi, Erguete, Doa, Faraxa, Igual Arte, Afaga, Afamo, San Francisco, Alento, Arela, Xaruma ou Parkinson Vigo, entre outras.

Bravo Bosch informou hoxe en rolda de prensa a resolución destas axudas, indicando que a cifra das subvencións varía segundo os proxectos presentados polas entidades dende os 68.000 euros ata os 7.000.

Ademais, a delegada resaltou o caso de Vigo cidade, que recibe o 70% do investimento de toda a área territorial -710.000 euros- para beneficiar a un total de 27 entidades onde poderán traballar 51 persoas desempregadas. Bravo Bosch significou así que estas axudas supoñen unha “importante medida” de apoio para a empregabilidade.

Deste modo, estas axudas son unha iniciativa do Goberno galego co fin de acadar a integración laboral das persoas desempregadas e que teñen algún tipo de discapacidade sendo así unha ferramenta clave de inclusión social. Dende a Xunta se pretende garantir así o dereito de todas as persoas a formar parte da nosa sociedade plural e diversa, en todos os ámbitos da vida, dende a saúde, a educación –tanto inclusiva como especial- e a formación, ata a integración no mercado de traballo das persoas enfermas ou con discapacidade.

O departamento que dirixe Beatriz Mato inviste en toda Galicia 8,2 millóns de euros para a contratación de 500 persoas sen emprego por parte das 239 entidades de iniciativa social beneficiadas polas axudas dos plans de cooperación.

16 de decembro de 2013 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.