30 persoas en risco de exclusión adquiren os seus primeiros coñecementos en informática co plan de oportunidades
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, entregaron hoxe no Edificio Social os diplomas aos participantes nos dous cursos de alfabetización dixital organizados pola Administración municipal e dirixidos a persoas en situación de risco de exclusión social. Estas accións formativas enmárcanse no Plan de Oportunidades posto en marcha polo Goberno Municipal e para o seu desenvolvemento contaron coa achega económica da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, en virtude da orde do 6 de agosto de 2013, e do Fondo Social Europeo.
Ao redor dunha trintena de persoas, na súa maioría mulleres, asistiron esta mañá ao acto de entrega dos certificados que dan conta que fixeron con aproveitamento estes cursos de iniciación ás novas tecnoloxías, que tiveron unha duración de 25 horas cada un deles. Rey Varela felicitou ao alumnado por mellorar a súa formación e, deste xeito, facer máis doada a inserción laboral. O rexedor ferrolán tamén salientou o feito de que este tipo de accións formativas vaian destinadas ás persoas con menos recursos e que máis necesitan do apoio das administracións públicas.
Pola súa banda, a edil Martínez Beceiro sinalou que as accións de alfabetización dixital “supoñen un primeiro contacto coas novas tecnoloxías”, e apuntou a posibilidade de que estes cursos teñan continuidade cun nivel superior. Ademais das primeiras nocións en manexo dun ordenador e en redes sociais, o alumnado que asistiu a estes cursos tamén aprendeu a como elaborar un currículo ou como afrontar un proceso de selección para un traballo.











