publicidade hoxe

30.000 euros do Plan de Axudas ao Medio Rural mellora as dotacións de 400 veciños da comarca de Sarria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLáncaraLugoO IncioO PáramoSarria
A-
A+

A Deputada de Medioambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, supervisou hoxe as actuacións levadas a cabo en varios Concellos da comarca de Sarria, e que foron realizadas con cargo ó Plan de Axudas ó Medio Rural, posto en marcha para potenciar o sector primario mellorando servizos e infraestruturas básicas para os veciños do rural.

Neste caso, as actuacións realizadas consistiron na construción dun depósito de auga na parroquia de Touville, no Concello de Láncara; a dotación de servizos sanitarios na parroquia de Friolfe, neste caso no Concello do Páramo; a mellora de camiños rurais en Vilar de Lamas, no de Sarria e o acondicionamento de dous camiños no Concello do Incio, un deles en Bardaos e outro na parroquia de Vilasouto.

López Izquierdo destacou “a importancia destas pequenas actuacións que melloran substancialmente a calidade de vida dos veciños, que en moitas ocasións non poden levar a cabo por si mesmos e para as que non teñen máis axuda que as que lle presta a Deputación financiando ó 100% a contía solicitada”. Este plan permitiu a preto de 60 colectivos de toda a provincia levar a cabo obras de pequena entidade, grazas ás aportacións do organismo provincial que, cun máximo de 6.000 euros, permitiron que se levaran a cabo numerosas melloras longamente polas asociacións de veciños, gandeiros e agricultores, beneficiarios do plan. Á comarca de Sarria destináronse preto de 30.000 euros para financiar 6 obras.

As obras supervisadas hoxe consistiron na dotación de servizos sanitarios para os veciños da parroquia de Friolfe, no Concello do Páramo, na que residen máis de 200 parameses. No caso do Concello de Láncara, a axuda destinouse á construción dun depósito de almacenamento de auga para incendios na parroquia de Touville, na que residen uns 80 veciños. No Concello de Sarria, melloráronse camiños rurais en Vilar de Lamas, que dan servizos ós veciños desta zona e das limítrofes. No Concello do Incio, tamén se acondicionaron camiños en dúas parroquias, en concreto na de Bardaos, na que residen medio cento de veciños, e na de Vilasouto, onde viven preto doutros 100.

Impulso do sector primario

Con esta iniciativa do organismo provincial, os preto de 60 colectivos veciñais e de gandeiros beneficiados obtiveron financiamento para acondicionar vías, locais sociais, áreas recreativas, traídas de auga, fontes, cercados de pastizais, curros para o gando ou depósitos para a extinción de incendios. En moitas ocasións, os destinatarios non poden asumir por si mesmos estas obras, que aínda que de pequena entidade, teñen unha importancia vital para a calidade de vida e o traballo do rural, polo que foi fundamental a aportación do organismo lugués, que concedeu o 100% das contías solicitadas ata un máximo de 6.000 euros.

As actuacións subvencionadas puideron ser realizadas xa no 2012, ou ben a acometer ata o mes de xuño deste 2013. O preto do 50% das obras realizadas foron acondicionamento de vías de comunicación, que facilitan o acceso ás zonas máis rurais. As canalizacións de auga foron outras das obras máis realizadas, supoñendo preto do 20% do total.

Na pasada convocatoria estas axudas supuxeron a realización de 120 obras en núcleos rurais de 47 concellos, dando emprego a unha media de 300 persoas.

4 de decembro de 2013 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.