publicidade hoxe

20 turoperadores de España e Portugal visitarán Ferrol para coñecer os recursos turísticos da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolGalicia exteriorLocal Portada
A-
A+

O Concello de Ferrol, en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, organiza un viaxe de familiarización ou fam trip para vinte turoperadores e axencias maioristas de toda España que visitarán Ferrol dende mañá xoves e ata o sábado 14. Esta proposta foi presentada esta mañá pola concelleira de Turismo, María del Carmen García Fraga, e está enmarcada dentro do “Plan de Competitividade Turística 2013” asinado entre as administracións.

A edil de Turismo explicou que o obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer Ferrol, “un destino con múltiples recursos tanto para o turismo de vacacións ou de negocios”. Esta proposta pretende a comercialización de paquetes turísticos dirixidos ao turismo cultural, industrial, de natureza, negocios, familiar, gastronómico e deportivo para o vindeiro ano 2014. García Fraga sinalou que “as empresas que visitarán a nosa cidade son na súa maioría de Madrid e Barcelona, aínda que tamén hai unha portuguesa, e están especializadas en turismo cultural, grupos e escapadas”. Entre os asistentes destaca a participación do presidente do grupo de xestión Avasa, integrado por 150 axencias de viaxe.

Os vinte participantes visitarán mañá o interior dalgún dos máis emblemáticos edificios da cidade naval, como o Teatro Jofre ou o Hotel Suizo. Durante a xornada de pasadomañá venres, realizarán un paseo en city-tren polo barrio histórico da Magdalena, coñecerán as famosas Meninas de Canido, gozarán dun paseo en lancha pola ría ferrolá e percorrerán a Ruta da Construción Naval. Así mesmo, o sábado 14, o grupo de visitantes se desprazará ás praias de Doniños, Ponzos e Santa Comba, onde poderán participar nun bautismo de surf. Ademais, durante a estancia en Ferrol, os turoperadores poderán gozar da gastronomía local e galega máis representativa en establecementos coma o Parador de Turismo ferrolán.

Paquete turístico da ruta industrial

Ademais, a concelleira ferrolá sinalou que se está a desenvolver unha campaña de promoción turística en colaboración coa empresa CostasGalicia. A proposta, que estará activa durante todo o presente mes, inclúe a comercialización dun paquete turístico da Ruta da Construción Naval a través da páxina web: www.buscounchollo.com e na rede de axencias CostasGalicia e CostasPortugal. Así mesmo, tamén se leva a cabo unha campaña consistente na creación de firmas dixitais con imaxes de recursos turísticos de Ferrol para todos os membros de CostasGalicia e CostasPortugal e que inclúe enlaces directos dende a web da Ruta da Construción Naval e o perfil de FerrolTurismo nas principais redes sociais.

11 de decembro de 2013 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.