2.400 escolares de Ferrol participarán en programas de prevención de drogodependencias
A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, deu conta esta mañá aos grupos municipais de tres programas para a prevención do consumo de sustancias e outras adicións na comisión informativa da área. Así, serán retomados o Programa de Educación en Valores e “Cinensino 2013-2014” e tamén se porá en marcha a nova proposta EnREDad@s. A previsión da Área de Benestar é que cerca de 2.500 estudantes de Ferrol participen nestas actividades. A achega económica do Goberno Municipal de Ferrol para estas tres iniciativas ascende a un total de 30.250 euros.
Un total de 840 alumnos/as de 5º e 6º de Primaria que pertencen a 13 centros escolares da cidade participarán no Programa de Educación en Valores. Esta proposta consiste na proxección de tres películas que terán lugar no Teatro Jofre en diferentes sesións e o posterior traballo de varias unidades didácticas na aula dirixidas á formación en valores. A programación prevista, segundo os días e os filmes que se proxectarán, é a seguinte:
– Luns e martes, días 9 e 10 de decembro: Haberá dous pases, o primeiro ás 10:00 horas e o segundo ás 12:00 horas. A película proxectada será El corazón del roble e permitirá concienciar aos menores no respecto ao medio ambiente.
– Luns e martes, días 17 e 18 de febreiro: Haberá dúas sesións, ás 10:00 e 12:00 horas, onde se proxectará o filme La última isla.
– Luns e martes, días 7 e 8 de abril: Será proxectada a película Kauwboy en dous pases que terán lugar ás 10:00 e 12:00 horas.
O programa “Cinensino 2013-2014”, dirixido ao alumnado de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), contará coa participación de 933 escolares de 12 centros educativos da cidade. A edil Rosa Martínez explicou que esta proposta “permite a prevención da drogodependencia por consumo de alcohol e outros trastornos adictivos a través do cine e do traballo de unidades didácticas nas aulas”. Así, o Jofre acollerá a seguinte programación de proxeccións, segundo os días e as películas:
– Mércores e xoves, días 11 e 12 de decembro: Haberá dous pases, o primeiro ás 09:30 horas e o segundo ás 12:00 horas. A película proxectada será La extraña vida de Timothy Green e permitirá sensibilizar aos escolares acerca dos estados de ánimo e situacións que favorecen o consumo.
– Mércores e xoves, días 19 e 20 de febreiro: Haberá dúas sesións, ás 09:30 e 12:00 horas, onde se proxectará o filme Las aventuras de los cinco.
– Mércores e xoves, días 9 e 10 de abril: Será proxectada a película 4 días de mayo en dous pases que terán lugar ás 09:30 e ás 12:00 horas.
Ademais, a edil responsable das políticas sociais do Concello de Ferrol informou sobre o novo programa “EnREDad@s” que consistirá nun espectáculo de teatro creado para abrir o debate nas aulas sobre a intensa relación que teñen os mozos e mozas coas novas tecnoloxías, así como o traballo de unidades didácticas nas aulas. Esta proposta contará coa participación de 725 alumnos/as de 10 centros educativos do termo municipal e se realizará os días 21 e 22 de xaneiro de 2014 no Teatro Jofre. A concelleira de Benestar Social destacou a elevada participación destes tres programas, xa que un total de 2.472 alumnos e alumnas pasarán polo teatro municipal para participar nestas actividades preventivas.











