publicidade hoxe

150 veciños ateigaron o Centro Cultural de Sigüeiro na representación do Belén Vivente dos meniños da gardería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+
Belén Vivente en Sigüeiro

Belén Vivente en Sigüeiro

Máis de 150 veciños e veciñas de Oroso ateigaron o auditorio do centro cultural de Sigüeiro durante a representación do Belén Vivente a cargo de 45 meniños e meniñas da escola infantil da Ulloa, que este ano chegou á súa décima edición. Unha representación que este ano contou cunha novidade: as mestras da gardería deixaron a narración do conto nas voces de seis “antigos alumnos”, que nestes intres teñen irmáns pequenos na gardería e que quixeron participar na representación.

As mestras da escola infantil da Ulloa confirman que estiveron ensaiando durante as dúas últimas semanas para que todo saíse á perfección e, a pesar dos típicos choros dalgún dos presentes, o certo é que a representación foi todo un éxito. Así mesmo agradeceron a colaboración tanto das familias como do Concello de Oroso. O concelleiro de Ensino, Antonio Leira, destacou o bo traballo que se está a realizar na gardería municipal e anuncioulles aos pais e nais presentes que “acabamos de asinar un convenio coa Xunta para que a nova escola infantil poda ser xa unha realidade. Esperemos que poidamos contar con ela para o próximo curso e así non quedará ninguén fora das listas”.

Na representación, de apenas media hora de duración, participaron 46 pequenos, todos eles menores de tres anos, vestidos con traxes de labregos, panadeiros, pescadores, lavandeiras, pastores, anxos, estrelas, ovellas… Uns papeis que os mestres ofreceron hai un par de meses ás familias de acordo coa idade dos pequenos, diferenciando os papeis nos que é preciso saber andar dos que non. Así, os bebés adoitan ser as estrelas e están nos seus berces, mentres que outros personaxes máis principais, como a Virxe, San Xosé ou os Reis Magos, son representados polos “máis maiores”, é dicir, polos de case 3 anos. Salvo os traxes “principais”, dos que dispón a gardería, os demais traxes son elaborados polas familias dos pequenos, que son as que elixen o papel dos seus pequenos.

14 de decembro de 2013 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.